DeportesFútbolÚltima hora

A valdeorresa Isabel Vázquez incorpórase ao corpo técnico do Victoria C.F. da Coruña

A deportista barquense comeza este ano como preparadora física e 2ª adestradora do filial do equipo de fútbol feminino

Isabel Vázquez coa sudadeira do Victoria C.F. da Coruña./ Foto cedida.

 

A vinculación da deportista barquense Isabel Vázquez co balón pé vén de anos atrás. Foi unha das xogadoras da xeración de ouro do fútbol e fútbol sala feminino na comarca de Valdeorras e do sur de Lugo, formando parte do Rúa-Valdeorras CF e tamén do Quiroga Futsal, ata que ámbolos dous equipos desapareceron, e marchou a vivir á Coruña onde estudou INEF e o nivel I e II de Adestradora e onde reside actualmente.

Durante varios anos estivo á fronte do equipo biberón do Portazgo SD e dende hai tres é adestradora do equipo feminino das Escolas Luís Calvo Sanz de Carballo-Bergantiños FC no que xa pasan das 20 cativas. O ano pasado creaban ademais un grupo de tecnificación nas Escolas de Carballo e este ano dá un paso máis, incorporándose ao corpo técnico do Victoria C.F. da Coruña, un club de fútbol feminino que tamén aposta pola base e a formación. En concreto, Isabel comeza nesta tempada como preparadora física e segunda adestradora do equipo filial, sénior B, que compite en primeira autonómica. Mozas nadas entre 1997 e 2006 con Richi como primeiro adestrador.

Todo xurdiu en plena corentena, xusto despois de regresar de México onde Isabel pasou uns meses de intercambio, tendo que regresar antes de tempo por culpa da pandemia. “Chamáronme do club coruñés e a verdade é que este ano apetecíame comezar en fútbol 11 e compaxinalo coa base e non o pensei dúas veces porque a estrutura dese equipo en feminino é incrible, con moitos equipos, e empezar aí é unha gran oportunidade para min”, conta Isabel recoñecendo que está moi ilusionada e con ganas de seguir aprendendo, contenta tamén de que haxa clubs que aposten fortemente polo fútbol feminino. “É cuestión de iniciativa e ganas pero ten que haber alguén que tire”, incide, lamentándose unha vez máis da desaparición do equipo en Valdeorras.

 

Participantes e monitores (entre os que está Isabel) da I edición do Campus Tec Fem. en Carballo. / Foto cedida.

 

Así, despois de seis meses parados por culpa da pandemia, na tarde deste luns 19 de outubro Isabel e as cativas regresán aos adestramentos en Carballo. “Este ano creamos ademas un grupo infantil con 10 nenas que xa non poden competir no Promesas por superar a idade (entre 6 e 12 anos), para seguir traballando con elas e dar continuidade á formación nestes anos; e mantemos o grupo de tecnificación no que temos outras dez nenas”, explica. En Carballo Isabel segue traballan xunto a Laura Seoane.

No caso do Victoria os adestramentos comezarán mañá. “A semana pasada estiven adestrando co equipo A que empezaron antes ao competir en categoría nacional e a verdade é que moi ben. Non hai data de inicio da competición pero este deporte levaba moito tempo parado e está claro que hai que volver pero con seguridade e seguindo os protocolos”, di. Os adestramentos serán tres días á semana (martes, xoves e venres) en tres campos: A Grela, a Universidade e Elviña.

Artigos relacionados

Back to top button