CulturaCulturaÚltima hora

A valdeorresa María Neira, directora de Saúde Pública da OMS, este venres na Facultade Ágora

A xornada, organizada polo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, reflexionará sobre como os espazos públicos de calidade en vilas e cidades poden axudar a mellorar da saúde da poboación

María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da OMS./ Cedida.

 

A Facultade Ágora, iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra, vai retomar este venres a súa actividade logo do parón do verán para falar da relación entre espazos públicos, saúde e biodiversidade. E farao cun profesorado encabezado pola médica María Neira, de orixe valdeorresa, que dirixe o departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), e que nestes momentos está na primeira liña mediática pola crise do Covid.

O principal obxectivo da xornada, á que asistirán de maneira mixta (presencial e por zoom) as máis de 200 persoas apuntadas, pretende estudar a relación entre a humanización do espazo público e a mellora da saúde e a biodiversidade, complementando as exposicións cun repaso práctico de experiencias locais. Entre outras, porase sobre a mesa temas como a importancia dos novos modelos urbanos, xa interiorizados por gobernantes e poboación, que buscan reducir o impacto do tráfico motorizado e a contaminación ambiental. De maneira concreta abordarase como a polución está a afectar á cidadanía, a prevalencia de determinadas enfermidades relacionadas co modelo de vida aínda imperante, e o feito de que as persoas máis vulnerables son as que máis sofren as consecuencias.

A relatora principal do día será a doutora María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e do Ambiente da Organización Mundial da Saúde. Cun título de Medicina e Cirurxía (Universidade de Oviedo, España), e unha mestría en Saúde Pública da Université Pierre et Marie Curie, en París, especializouse en Endocrinoloxía e Enfermidades Metabólicas na Universidade René Déscartes, logo en Nutrición no Conservatoire National d’Arts et Métiers, e obtivo un diploma internacional en Preparación para Emerxencias e Manexo de Crises da Universidade de Xenebra, en Xenebra.

Entre setembro 2002 e agosto 2005 traballou como presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimenticia e foi viceministra de Saúde e Asuntos do Consumidor en España. En 1999 fora asignada como Directora do Departamento de Control, Prevención e Erradicación na OMS. Anteriormente, traballara na OMS como coordinadora do Grupo Global de Traballo do Control de Cólera, e previamente fora asesora en Saúde Pública no Ministerio de Saúde en Mozambique e en Saúde Pública/Médico para a ONU asignada polo Programa para o Desenvolvemento das Nacións Unidas ( UNDP). Entre outras distincións, foi receptora da Médaille de l’ Ordre national du Mérite (Medalla á Orde Nacional do Mérito) polo goberno de Francia.

 

O verde urbano

Participarán tamén na sesión do venres o biólogo Josep Selga, o neumólogo do CHUP Adolfo Baloira, e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola.

Artigos relacionados

Back to top button