DeportesÚltima hora

A valdeorresa Mónica Yáñez, cuarta en xavelina W40 no mundial máster en Málaga

Malia que inicialmente esta atleta aparecía no terceiro posto nas clasificacións inicialmente publicadas da proba, finalmente un dos lanzamentos da francesa Twiggy Lejeune colocouna no cuarto posto
A valdeorresa Mónica Yáñez coa súa xavelina durante o mundial./ Foto: Club Adas.

Tras o ouro europeo máster de pista cuberta de marzo, a valdeorresa Mónica Yáñez asumía neste mes de setembro un novo reto. O de competir por vez primeira nun mundial máster. Custáballe recuperarse dunha lesión no ombro pero acudía a Málaga con moita ilusión e ganas e o seu esforzo vén de verse recompensado cun cuarto posto en lanzamento de xavelina W40 cunha marca de 34.64 metros. Malia que inicialmente nos resultados publicados na web do mundial dábanlle a Yáñez un terceiro posto, un cambio nas marcas de lanzamento da francesa Twiggy Lejeune (nas que ao principio aparecía unha marca de 34.55 m e logo unha final de 36.64 m), deixaban á valdeorresa finalmente fóra do podio.

“Non puido ser ese bronce pero estou igualmente moi contenta co meu cuarto posto e 34 m non están nada mal despois dunha lesión como a que tiven que aínda hai que seguir recuperando”, comentaba nas redes sociais a atleta tras a competición. Tamén resaltaba as “moi boas marcas das miñas compañeiras e moi merecidas esas medallas porque non é doado lanzar así de ben e, sobre todo, cando xa pasas dos 40 anos!”.

O ouro quedaba en mans da ucraína Liliia Apolosova (42.20), mentres que a prata conseguíaa a checa Jindriska Noasova (36.76 m). Nesta cita competían trece atletas de diferentes partes do mundo. Polo de agora Valdeorras contabiliza a medalla de Eva Arias), se ben hai atletas que compiten co Adas do Barco que tamén se teñen subido ao podio como David Vázquez, ouro en M35 en salto de lonxitude.

Malia que non lograba medalla destacaba tamén a actuación no seu primeiro mundial de Adolfo García Emilió, que quedaba sexto na súa serie nos 200 ml.

 

Adolfo García Emilio en Málaga./ Foto: Club Adas.

Artigos relacionados

Back to top button