ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A veciñanza de Córgomo vive unha intensa xornada de festa das Letras Galegas

 

Con especial intensidade, alegría e animación vivía Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) este 17 de maio. Dende hai meses a localidade natal de Florencio Delgado Gurriarán homenaxea a este autor con diferentes iniciativas, que chegaban ao seu punto álxido nos últimos días, con visitas como a das tres fillas e os netos deste poeta, e, de xeito especial, neste 17 de maio.

 

 

A Aira dos Bolos, onde o poeta xogou tantas veces, convertíase en escenario dun concorrido pleno extraordinario da Real Academia Galega, no que se lle rendeu homenaxe ao autor. “Córgomo estivo decote moi presente na vida e na literatura do noso Florencio, quen quizais nunca se imaxinou que anos despois do seu falecemento, tan lonxe de Valdeorras, Córgomo sería a capital literaria de Galicia nun día tan significativo como o 17 de maio. Hoxe é ese día”, resaltaba Xesús Alonso Montero, un dos académicos impulsores da candidatura e que interviña nesta sesión.

 

 

Tras o acto académico tiña lugar unha “Florenciada”, un encontro popular da veciñaza e a Real Academia con diversos petiscos (empanada, tortilla, xamón, paella, queixo…) e viños de Córgomo, con diversas mesas colocadas ao longo da localidade. Ademais o ambiente estaba animado por unha charanga e por diversos grupos de cantos de taberna.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button