DeportesÚltima hora

A Veiga acollerá, o 15 de marzo, a proba ciclista Gran Fondo Trevinca Starlight

A data para participar remata o luns ás 23h. e ata o momento hai xa máis de 170 inscritos

Rosendo Fernández, Juan Anta e David Álvarez, na presentación da proba.

 

O Concello da Veiga acollerá, o día 15 de marzo, a proba cicloturista popular Gran Fondo Trevinca Starlight, un evento deportivo que destaca polas súas paisaxes, a dureza e a singularidade do seu percorrido que atravesará diferentes pobos do municipio. A presentación desta proba tiña lugar na mañá deste 6 de marzo no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde da Veiga, Juan Anta; e do director deportivo do evento, David Álvarez.

Gran Fondo Trevinca Starlight é unha “maridaxe perfecta de natureza e deporte na cima de Galicia”, dixo Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, o alcalde da Veiga explicou que o obxectivo deste evento é “poñer en valor o noso concello e que a xente coñeza as particularidades dos nosos pobos coa súa especial orografía”. Así mesmo, Juan Anta sinalou que se trata dunha “proba de emocións que volve ao rural profundo”.

A proba organizada por Zona 360 Valdeorras, sairá ás 10 horas desde a praza do Concello da Veiga, como evento “único e diferenciador, con tres distancias para que poida ir todo o mundo, que son gran fondo de 100 quilómetros, medio fondo de 75 quilómetros e mini fondo de 45 quilómetros”, sinalou David Álvarez, quen adiantou que na vindeira edición “participarán neste evento profesionais por ser un entorno único” e afirmou que non se trata dun evento, senón dun “destino cicloturista único”.

As inscricións, limitadas a un máximo de 300 participantes, poderán realizarse a través da páxina web www.granfondopenatrevinca.com ata o luns ás 23 horas. “Ata o momento contamos con máis de 170 inscritos, o que confirma o éxito absoluto desta primeira edición”, afirmou Juan Anta.

 

Artigos relacionados

Back to top button