EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A Veiga analiza o papel do sector forestal na posta en valor do territorio

O salón de actos do Toural acollía na tarde do 11 de decembro a xornada “Industria Forestal e Polígonos Agro-Forestais”

“Temos 150 km2 concentrados e dispostos a porse en valor, pero para iso temos que quitarnos a desconfianza permanente e esperemos que estas xornadas sexan a primeira pedra nese proxexcto de posta en valor do territorio”. Con estas palabras o alcalde da Veiga, Juan Anta, abría a xornada “Industria Forestal e Polígonos Agro-Forestais”, que se desenvolvía no salón de actos do Toural desta localidade e na que se analizaba o futuro do sector forestal. Ademais destacaba o papel que pode xogar o sector forestal, conxuntamente con outros existentes no municipio como a gandeiría ou o turismo. “O sector forestal leva moitos anos pedindo axudas e hoxe os que estades aquí vades ser protagoanistas deste cambio”.

Nesta xornada analizábase, da man dunha serie de expertos, o modelo de xestión forestal de Galicia e as posibilidades que ofrecen os montes galegos coa creación de polígonos forestais para crear industria. Esta medida permitiría, ademais de paliar os incendios forestais porque os reduciría, contribuiría a ser un pulo no desenvolvemento económico de zonas rurais. No acto inaugural contábase ademais coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e do presidente do Grupo Colmeiro, Luís Caramés.

A Deputación de Ourense colabora con esta encontro porque “consideramos que é importante analizar as potencialidades da industria forestal no noso territorio, para elaborar estratexias conxuntas desde as administracións públicas”, sinalou o presidente do goberno provincial, quen salientou a importancia que ten a industria forestal e da madeira no territorio galego ao superar no ano 2017 os 2.200 millóns de euros de facturación, segundo o informe “La cadena forestal-madera de Galicia 2017”, coordinado pola Escuela de Ingeniería Forestal da Universidade de Vigo e a Axencia da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia.

Neste mesmo sentido, Manuel Baltar destacou a idoneidade do municipio da Veiga “para apostar polo sector primario en xeral, e pola industria forestal en particular, como elemento clave no desenvolvemento económico, social e medioambiental do seu territorio”.

O programa iniciábase cunha ponencia a cargo do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, quen falaba dos eixes da política industria-forestal de Galicia. Posteriormente, o presidente da Fundación Salcines, Venancio Salcines, analizaba o tema dos polígonos agro-forestais como eixo do desenvolvemento económico do territorio. Desde Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, centrou o debate na mobilidade de terras clave do desenvolvemento rural, mentres que o presidente do Clúster da Madeira, José Manuel Iglesias, foi o encargado de pechar a xornada analizando os retos da cadea da madeira.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última que é cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button