ConcellosÚltima hora

A Veiga completa as reunións na provincia para elaborar o plan estratéxico do turismo rural galego

No encontro participaban representantes municipais do Xeodestino Trevinca-Manzaneda, así como do sector da hostalaría desta zona

A Biblioteca da Veiga convertíase na mañá do 13 de abril en escenario da quinta das reunións de traballo celebradas pola Xunta nos xeodestinos da provincia de Ourense de cara á elaboración do Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia. No encontro participaban representantes municipais do Xeodestino Trevinca-Manzaneda, así como do sector da hostalaría desta zona.

Deste xeito completábase na provincia este circuíto de xuntanzas que se iniciaban o pasado 9 de abril, en Verín e Xinzo de Limia, para os representantes das administracións locais e axentes turísticos dos xeodestinos Verín-Viana e Celanova-Limia, na mañá do 10 de abril era a quenda dos profesionais e entidades locais do Xeodestino Terras de Ourense e Allariz, e pola tarde tocáballe ao Xeodestino do Ribeiro, cunha sesión de traballo en Ribadavia.

Xunto a estas sesións de traballo (ás que se sumarán outras dez máis por toda a xeografía galega durante este mes de abril), nestas primeiras fases de elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia tamén se levarán a cabo enquisas aos establecementos de turismo rural, así como entrevistas individuais e presenciais. Tamén se recompilará a opinión de expertos e especialistas do sector académico, persoal das denominacións de orixe de alimentos e consellos reguladores do viño, así como representantes de asociacións de turismo rural, turismo activo, gastronómicas, de enoturismo, Rutas do Viño e rutas BTT.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button