EconomíaEconomíaÚltima hora

A Veiga contará cun centro de utilización de recursos naturais

A súa construción contará cunha achega de 200.000 euros da Xunta

 

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asinou hoxe co alcalde de A Veiga, Juan Anta, o convenio de colaboración entre a Xunta e o concello para a recuperación de espazos degradados, xunto coa construción dun centro de utilización de recursos naturais, que contará cunha achega do Goberno galego de 200.000 euros. O convenio ten por obxecto a creación dun centro de iniciativas municipais para o desenvolvemento de actividades económicas do sector primario, relacionadas coa explotación e o mantemento dos recursos naturais da contorna e coa conservación da biodiversidade na comarca da Veiga.

Natalia Prieto explicou que, a Xunta colabora con este proxecto “debido á súa importancia para apoiar a este concello na recuperación da actividade económica, especialmente nunha comarca rural como é a da Veiga, e crear novas posibilidades de desenvolvemento, co fin de levar a cabo unha revalorización do rural e crear novas posibilidades de desenvolvemento e inserción laboral”.

O proxecto de construción do centro de utilización de recursos naturais pretende converterse no eixo do desenvolvemento económico da comarca co obxectivo de aumentar a produtividade e a renda económica dos pequenos produtores locais. O novo centro está concibido como un obradoiro de uso comunitario e unha alternativa de procesado para o aproveitamento dos produtos locais, comercializados baixo marcas de calidade diferenciada e apostando pola venda directa. Ao tempo, o aumento de usuarios do centro inducirá o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e dos pastos, diminuíndo o risco de incendios e dinamizando a contorna.

As novas instalacións contribuirán ademais “á recuperación da biodiversidade das especies, á conservación da diversidade do medio físico, así como a evitar a degradación do medio natural. En definitiva, axudará a impulsar a actividade económica e a mellorar e aproveitar os recursos naturais”, segundo a Xunta. A directora xeral de Administración Local lembrou que esta iniciativa aliñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental e posibilitará actuacións imprescindibles para a promoción da actividade económica e a creación de novas posibilidades de desenvolvemento e inserción laboral no Concello da Veiga.

Artigos relacionados

Back to top button