En portadaÚltima hora

A Veiga homenaxea ás súas raíces na I Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca

Ao longo da fin de semana celebraranse exhibicións de gando, catas gastronómicas, charlas e demostracións de oficios tradicionais; tamén haberá postos de produtores locais e exposición de maquinaria agrícola, entre outras actividades

 

Como unha homenaxea ás orixes do rural, estase desenvolvendo na Veiga a I Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca, cun completo e variado programa de actividades deseñado para todos os públicos que ten como obxectivo reivindicar a capacidade agrogandeira desta zona ourensá, así como poñer en valor os traballos tradicionais da nosa terra: a gandería, a agricultura e os oficios ancestrais. A xerente do Inorde, Emma González; e o alcalde da Veiga, Juan Anta, eran os encargados de inaugurar a Exposición no medio día deste sábado 9 de outubro, cun percorrido polos diferentes stands dos gandeiros e produtores que esta fin de semana se concentrarán neste evento trala actuación da Real Bandas de Gaitas da Deputación de Ourense.

O Inorde colabora con esta iniciativa participando cun stand no que están presentes as catro razas autóctonas galegas (cabra galega, ovella galega, porco celta e pita de mos), así como o Centro Agrogandeiro que dará a coñecer as distintas actividades que alí se desenvolven para achegar ao público asistente o traballo que realiza este organismo a prol do sector primario da provincia. A súa xerente, Emma González felicitou ao Concello da Veiga por desenvolver este iniciativa que “reivindica a importancia desta comarca como unha das principais áreas produtoras de gando vacún de Galicia” e que “as administracións deben promover para contribuír, a través delas, a fixar poboación e xerar oportunidades no rural apostando polo sector primario, clave no desenvolvemento social e económico dun territorio como o noso”. Así mesmo, a xerente do Inorde destacou o impacto positivo que “ten o sector gandeiro na sustentabilidade dos territorios na medida en que contribúe ao axeitado mantemento de montes e terras”.

 

O alcalde da Veiga, Juan Anta, durante a inauguración.

 

Pola súa parte, o alcalde da Veiga, quen agradeceu ao Inorde o seu apoio e traballo para poder desenvolver un evento desta magnitude, dixo que a Exposición nace co obxectivo de homenaxear “aos gandeiros, aos emigrantes que levan moito tempo sen ver isto, e a todos aqueles que traballaron e loitaron para poder vivir do gando, da agricultura e dos oficios ancestrais. En definitiva, é unha homenaxe ás nosas raíces”.

Programación

Trala inauguración oficial, o programa da feira comezaba coa saída dos bois xunguidos do gandeiro Mario Nogueira desde o Coiñedo ata o centro da localidade, continuando cunha charla da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, impartida por Laura Aurias González, secretaria executiva de Acruga, no Coiñedo. A esa mesma hora desenvolvíase unha actividade dirixida ao público infantil, unha cata de meles de Galicia impartida por Beatriz Ríos, técnica da IXP Mel de Galicia, no Centro de Desenvolvemento Rural da Veiga.

Pola tarde, a partir das 16 horas, haberá paseos a cabalo para todos os públicos a cargo de Alba Fariñas, no Coiñedo. Posteriormente, será a quenda para a Federación de razas autóctonas de Galicia-Boaga, que ofrecerá unha charla impartida polo director de dita entidade, José Ramón Feijóo. Trala charla, volverá Mario Nogueira a centrar todas as miradas dos asistentes coa súa saída dos bois xunguidos e, ás 18 horas, haberá o espectáculo “Nieve Negra” a cargo do Centro Ecuestre Mirantes, no Coiñedo. Ás 19 horas celebrarase unha cata de viños das Denominacións de Orixe de Galicia a cargo de Dona Branca no Coiñedo, que poñerá o broche final á primeira xornada festiva da feira. A partir das 20:30 horas, será a quenda para a música cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre na praza do Toural.

 

Os bois de Mario Nogueira centrarán a xornada destes sábado.

Mañá, domingo 10 de outubro, a feira abrirá a partir das 11 horas coa recuperación do oficio tradicional da malla, na praza do municipio. Así mesmo, haberá un espazo dedicado á gastronomía a partir das 11:30 horas cun showcooking a cargo do xefe de cociña do hotel Oca Villa de Allariz, Gerson Iglesias, e outro ás 18 horas a base de produtos locais protagonizado polo chef do Castelo de Maceda, Carlos Parra. Tamén haberá unha cata a cargo de Queixos Montaña de Entrimo, no Coiñedo, a partir das 13 horas.

Paralelamente, no centro da localidade haberá durante toda a fin de semana, exhibición dos oficios tradicionais galegos: cesteiro, realización de bombos e outros instrumentos musicais tradicionais, elaboración de augardente, zoqueiro, tecedoira ou xoieiro tradicional, entre outros moitos oficios. Así mesmo estarán presentes, xunto ao stand do Inorde, expositores de gandería, de maquinaria agrícola, stands de información de Acruga e Boaga, stands de produtores agrícolas locais e do sector primario (mel, faba, castañas, viño, queixos…). E, para os máis cativos haberá un rocódromo inchable xigante e outras atraccións ambos días da Exposición, que xunto co toro mecánico que estará o domingo, amenizará o evento entre o público infantil.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button