ConcellosÚltima hora

A Veiga, primeiro premio nos galardóns á Dinamización Demográfica 2019

O Concello de Parada de Sil recibía tamén o segundo premio destes recoñecementos

Os proxectos postos en marcha na Veiga “conseguiron non só traer de volta a varios veigueses, senón tamén atraer novos veciños”, aseguraba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, na entrega de galardóns dos Premios á Dinamización Demográfica 2019, que veñen de entregarse nesta mañá en Crecente (Pontevedra).

O Concello da Veiga facíase co primeiro premio destas distincións, que era recollido polo seu alcalde, Juan Anta. “Estamos a falar dunha aposta decidida polo emprego, a rehabilitación, o turismo e o benestar social”, dicía Feijóo, referíndose á posta en marcha dun viveiro empresarial a disposición dos veciños interesados en emprender no sector agrario; á posta en valor de produtos da zona como o mel, as fabas e os cogomelos das Montañas de Trevinca ou o fomento da plantación de novos soutos.

 

 

O presidente da Xunta salientou, ademais, a rehabilitación de vivendas baleiras en desuso e de antigas casas-escola para alugueiro. Para potenciar o turismo, recordou que o Concello conta, desde 2015, coa certificación como destino turístico Starlight pola excelente calidade do ceo e, desde 2017, co Centro de visitantes da zona especial conservación Pena Trevinca; e, no eido do benestar social, resaltou as axudas á natalidade e ao transporte, así como os programas de conciliación e actividades de envellecemento activo.

O segundo premio recaía no Concello de Parada de Sil, que preside Aquilino Domínguez. Neste senso, Feijóo valorou dúas iniciativas: unha destinada a fomentar o asentamento de novas familias e de xente nova, a través da rehabilitación dun grupo de casas en ruínas no núcleo de Fondevila para comezar cinco vivendas unifamiliares. E outra, para impulsar a conciliación laboral e familiar, coa reforma dunha antiga construción para albergar un espazo de coidado e casa de lecer para nenos menores de 10 anos en períodos vacacionais, así como na época escolar para os nenos en idade previa á escolarización obrigatoria.

O terceir premiado era o concello lucense de Cervo, do que se valoraron as súas iniciativas para fomentar o asentamento das familias no concello, como: a rehabilitación de inmobles para crear espazos de traballo destinados aos novos emprendedores; ou a organización de encontros de dinamización empresarial que fomentan o espírito emprendedor entre a mocidade, como o programa Revívate, dirixido aos mozos de Sargadelos.

Artigos relacionados

Back to top button