EconomíaEconomíaÚltima hora

A velutina constitúe unha ameaza para a biodiversidade, segundo un estudo da Universidade de Vigo

Está asinado pola investigadoras Sandra Rojas e María Calviño do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal

Niño de Vespa velutina./ Foto: A.R.

 

A Vespa velutina está hoxe estendida por case todas as rexións da área atlántica e constitúe unha ameaza en moitos aspectos. Un deles é o da biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. Así pode comprobarse no estudo The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitors, asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, que vén de ser publicado pola revista científica de alto impacto Biological Invasions.

Esta investigación afonda no impacto da Vespa velutina como predador de abellas e outros insectos polinizadores e o seu consecuente efecto sobre a polinización das plantas e conclúe que a invasora Vespa velutina ten un impacto negativo sobre os servizos de polinización en áreas invadidas como consecuencia da caza de polinizadores nas flores, tal e como informa a Universidade de Vigo.

A polinización mediada por animais é esencial para a reprodución das plantas, motivo polo cal é esencial para o mantemento da biodiversidade, o funcionamento dos ecosistemas e a produción de alimentos para as persoas. “Os polinizadores afrontan actualmente unha crise global moi grave”, destacan as investigadoras, con múltiples causas, entre elas “a presión causada por especies invasoras”, como a Vespa velutina, ou tártago de patas amarelas. E é que a velutina é un eficaz depredador de insectos, “que constitúen a base proteica para alimentar ás larvas” e engaden as investigadoras que se sabe que “unha parte importante da súa dieta son as abellas da mel, polos intensos ataques que sofren as alvarizas”.

A través deste estudo buscábase confirmar o impacto da invasión da velutina no comportamento dos insectos polinizadores e a polinización das plantas en áreas invadidas, centrando o estudo nos insectos da contorna da Mentha suaveolens. Para isto, explican as autoras, “estudamos o comportamento de caza de V. velutina na contorna das flores, o efecto da caza de V. velutina no comportamento de visitas florais dos insectos polinizadores e seu impacto na cantidade de pole específico depositado nos estigmas de Mentha suaveolens, unha herba nativa e común do sur e oeste de Europa.

 

A investigadora Sandra Rojas, realizando traballo de campo./ Foto: Universidade de Vigo.

 

Rojas e Calviño avanzan que detectaron cambios no comportamento de busca de alimento de varios grupos de polinizadores. “Por exemplo, en flores onde Vespa velutina caza, a taxa de visitas ás flores polas abellas do mel europeas (Apis mellifera) son menores”. Tamén observaron unha diminución das visitas ás flores por parte de outras especies de abellas solitarias e tamén o tempo que tardan os abellóns (Bombus sp.) visitando as flores. “Como consecuencia, a cantidade de pole que se deposita sobre os estigmas das flores é menor en aqueles manchas de plantas coa presenza do predador Vespa velutina”.

Este estudo desenvolveuse no marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o Estudo do Comportamento, Hábitat e Impacto nos Ecosistemas de Vespa velutina para a Mellora dos Métodos de Control Existentes.

Artigos relacionados

Back to top button