En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A velutina continúa estendéndose por Valdeorras

 

Un ano despois de detectarse a súa presenza en Valdeorras, a vespa velutina xa ten invadido toda a comarca e zonas próximas como a de Quiroga, na veciña provincia de Lugo. Así se reflexa no número de raíñas capturadas no que vai de 2019 polos membros da Asociación Valdeorresa de Apicultores, polos seus colaboradores e por Protección Civil da Rúa e de Petín: máis de 800.

 

Niño secundario localizado en San Miguel de Outeiro (Vilamartín)./ Foto: Armando Rodríguez.

 

“Isto dá idea da importancia que ten o trampeo, xa que se iso non se tivese feito, ese gran número de raíñas traduciríase en multitude de niños primarios e secundarios que se evitaron”, destaca o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez. Ademais tanto na Rúa como en Petín localizábanse e destruíanse unha vintena de niños, entre primarios e tamén secundarios (a partir do mes de agosto).

A estas cifras hai que sumar as do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras que neste ano 2019 (ata o 31 de agosto) recibía 71 avisos por vespa velutina. Deles un total de 16 confirmábanse como niños de vespa velutina: 4 no concello do Barco e 4 en Vilamartín, 2 en Petín, Larouco e O Bolo e 1 en Rubiá e A Veiga. Ademais hai 15 avisos pendentes de ser atendidos e o resto dos recibidos non eran finalmente velutinas.

 

Niño secundario antes de ser retirado polo GES Valdeorras.

 

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores insístese en que nesta época do ano é importante mirar cara as árbores, xa que os niños secundarios poden aparecer tanto a 4 m de altura como incluso a 20 m, e nalgúns casos tamén no chan. Se se localizan é necesario avisar ao 012 para que se proceda retiralo adecuadamente.

Fotos da galería: cedidas polo GES Valdeorras.

 

Velutinas noutro niño localizado en Valdeorras./ Foto: Armando Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button