OurenseSanidadeÚltima hora

A VI Gala Contra o Cancro de Ourense celebrarase o 22 de decembro

Andrea Pousa, Nando Agüeros e Habitación Vudú, entre os convidados desta edición presentada por Rubén Riós e Paula Señarís
Imaxe da anterior gala.

Marcada por unha ampla variedade musical estará a VI edición da Gala Contra o Cancro de Ourense que se celebrará o día do sorteo da Lotería de Nadal: 22 de decembro, a partires das 20:30h. no Auditorio Municipal.

Este ano destaca a presenza da cantante tomiñense Andrea Pousa que xunto con Nani García interpretará cancións do seu novo álbume Respirar. “Cunha voz poderosa e impactante, a intérprete deleitará ós espectadores co seu pianista nun concerto íntimo”, explican dende a organización, a Asociación Xuvenil Cultural As Canellas (produción de Claqueta Coqueta). Outro gran intérprete como Nando Agüeros ofrecerá tamén un adianto dos seus últimos éxitos, tras regresar da súa xira por Latinoamérica. En representación local, os limiáns de Habitación Vudú porán o toque rock e desenfadado á gala, con ritmos frenéticos do seu último disco Flores falsas. Tampouco faltará o baile, coa actuación da Escola de Danza Cuatro Pasos. Ademais, como novidade, a poesía en ton satírico e humorístico correrá a cargo de Aldaolado, dúo conformado por Lucía Aldao e María Lado que “promete sinceridade, presenza e moitas, moitas risas”.

As entradas para a gala están á venda anticipada  (5 euros) nas oficinas da Asociación Española contra o Cancro de Ourense, sita na rúa Curros Enriquez, 26. O custe na billeteira será de 8 euros. A este respecto, antes de coñecerse o cartel cos artistas que actúan este ano, xa se venderon máis de dous centos de entradas e comezan a recibirse aportacións na fila cero. Isto, para David Rodríguez, organizador do evento, supón “unha inmensa alegría, xa que comprobas que a cidade agarda este evento solidario con ilusión e bos desexos. A verdade é que a nós xa nos tocou a lotaría coa resposta que recibimos de todos e todas as ourensás”.

 

Cartel da VI Gala Contra o Cancro de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button