
Sobre a figura do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán falaba esta semana en Salamanca a filóloga vianesa Concepción Álvarez Pousa. Na mañá do luns día 9 de maio impartía unha conferencia titulada “Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés no exilio mexicano: entre cepeiras e tapatíos” na Facultad de Filología da universidade salmantina.
A súa exposición asistía alumnado que se prepara nos graos de Estudos Árabes e Islámicos, Estudos de Asia oriental, Filología Hispánica, Estudios Ingleses, Estudios Franceses, Estudios Italianos e de Tradución e Interpretación, e que cursan a materia de galego como optativa nas súas carreiras.
Nesta conferencia Concepión Álvarez abordaba a traxectoria do autor valdeorrés e da súa poesía, “presentei a comarca de Valdeorras e falei da relación da comarca coa súa obra”, indicaba. Ademais presentaba o Arquivo do Galego Oral, “o galego oriental e o valdeorrés con exemplificación das características da súa obra e falei da súa lingua literaria e a evolución”.
A disertación remataba coa lectura do poema “Saúdo a Otero Pedrayo” (que está editado en Galicia infinda (1963) e Cantarenas (1981). Este poema destaca “pola riqueza tanto lingüística como paisaxística que recolle de Valdeorras e porque ademais está dedicado a Otero Pedrayo”, en palabras desta filóloga vianesa.