CulturaCulturaÚltima hora

A vida de Antonio Fraguas nunha exposición na Casa dos Poetas en Celanova

A mostra, que consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis poderá visitarse ata o 15 de novembro

 

Dende o 31 de outubro e ata o 15 de novembro, a Casa dos Poetas, en Celanova, acolle a mostra “Antonio Fraguas, memoria dun soño”.

Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, a exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis nos que se fai un percorrido pola vida do intelectual Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, fai á cultura galega. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

Así, no panel “Universo Insuela” faise referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En “O destino non estaba escrito” preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil. “Pontevedra, o primeiro agromar galeguista” fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao. “Santiago, a cidade no corazón” aborda os seus anos de estudante universitario, que traen o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala, ademais do seu noivado con Teresa Martínez, con quen casaría en 1932. “Docencia e compromiso” céntrase na vocación docente do autor e no seu activismo cultural na Estrada nos anos previos á guerra civil. Esta, xunto coas súas nefastas consecuencias para Antón Fraguas e as súas aspiracións galeguistas, trátanse no panel titulado “Medo e reconstrución”. “Fraguas, a paixón polo coñecemento” dedícase ao Fraguas polígrafo que ten a Galicia como obxecto de interese en todos os campos de estudo que aborda. O seguinte panel detense no que foi, de todos os ámbitos a que se dedicou, aquel en que destacou especialmente: o de investigador, divulgador e valedor da “Cultura popular”.”Un museo para a alma de Galicia” mostra o papel de Antonio Fraguas na xestación e primeiros pasos do Museo do Pobo Galego, do que foi director. No panel “Ás veces, os soños cúmprense” o visitante poderá comprobar como, nos derradeiros anos da súa vida, Antonio Fraguas viu como comezaba a materializarse aquel vello soño da autonomía para Galicia, en cuxas institucións culturais el participa e das que recibe un amplo recoñecemento.

A mostra pode visitarse de martes a sábado de 10 a 14 e de 16 a 18 horas, agás en festivos.

Artigos relacionados

Back to top button