En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A vida na Cidade da Selva contada a través de máis de 500 obxectos, no Barco

Os investigadores Carlos Tejerizo e Alejandro Rodríguez abrían cunha conferencia no Casino a exposición que reúne o material recuperado nas escavacións arqueolóxicas realizadas nos montes de Casaio neste verán

“A memoria da comunidade local foi fundamental, permitiunos ir xuntando pequenas pezas que só no panorama xeral teñen sentido e configurar e debuxar o mapa da Cidade da Selva”. Así o destacaba o arqueólogo Carlos Tejerizo na tarde do 23 de novembro no Casino do Barco. Xunto ao seu compañeiro no proxecto de investigación Sputnik Labrego, o historiador Alejandro Rodríguez, pronunciaba a conferencia “A Cidade da Selva e a guerrilla antifranquista no noroeste peninsular”, coa que se abría a exposición do material recuperado nas escavacións que este equipo realizaba nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) no pasado verán.

Tejerizo contaba como, coa colaboración dos veciños de Casaio, as referencias dispersas que tiñan na documentación escrita foron tomando forma sobre o terreo “e así puidemos ir conformando un mapa de asentamentos, un mapa moi complexo do que significa en termos de paisaxe a Cidade da Selva”, é dicir, os campamentos da guerrilla antifranquista, considerados o núcleo central de asentamento da Federación de Guerrillas de León-Galicia entre os anos 1941-1946.

O seguinte paso no seu proxecto era a intervención arqueolóxica. No pasado verán facían unha escavación en dous chozos da guerrilla no Val das Morteiras, aos que denominaba “Morteiras I” e “Morteiras IV”. Pensan que o primeiro deles era un almacén e nel atopaban multitude de material: dende armamento ata latas de conservas, vidros… Pero non era un lugar habitado, como si acontecía con “Moteiras IV”, onde durmían os guerrilleiros. Neste segundo chozo localizaban, entre outras pezas, restos dun “saco de tela recheo de felgos que usaban como cama, un paraugas e unha botella”. Ademais escavaban o chozo do Teixadal, vinculado a figuras como O Inca e O Bailarín co fin de “poder comparar os os diferentes chozos, funcionalidades e momentos históricos”.

Gran cantidade de material recuperado

Posteriormente o equipo de investigadores procedía ao estudo, lavado, inventariado dos materiais, así como á análise pormenorizada de cada un deles. Recuperábanse máis de 500 obxectos que agora quedarán expostos durante unha semana (do 24 ao 30 de novembro, de 19 a 21h.) no Casino do Barco. Dentro deste conxunto destaca o material relacionado co armamento, cun amplo abano de balas, casquiños… de armas de procedencia moi diferente (República Checa, Grecia, Holanda e ata México). Isto demostra as conexións da guerrilla “a grandes escalas” nese momento.

Nesta mostra poden verse ademais obxectos de hixiene persoal e que delatan a presenza da muller na guerrilla como é o caso dun bote de crema feminina de mans. Tamén se localizaba envases de dentes, tesoiras… E había tamén material relacionado coa saúde como restos de frascos de penicilina, botes de xarope, etc,. “que demostran o contacto da guerrilla cos médicos”. Outra parte considerable deste material está vinculada coa alimentación: restos de ósos de animais domésticos, fabas, garavanzos…

A través destes obxectos os investigadores están reconstruíndo o día a día no monte dos guerrilleiros e, nese laboral, tamén consideran “fundamental o contacto coa xente da zona de Casaio porque había elementos que nós non entendiamos”. Ademais con todo este conxunto de elementos Tejerizo considera que “as partidas guerrilleiras estaban moi ben organizadas, abastecidas e alimentadas e iso temos que relacionado coa federación de guerrillas”.

A intervención deste arqueólogo estaba precedida por unha ponencia do investigador Alejandro Rodríguez, que abordaba o contexto histórico do mundo guerrilleiro nos montes de Casaio, explicando como a partir do 18 de xullo de 1936 se iniciaba “un proceso violento e represivo” que levou a moitas persoas a “refuxiarse ou fuxir por medo a ser asasinados”. Explicaba ademais como nese proceso os fuxidos nos montes de Casaio acabaron convertíndose en guerrilleiros no inverno de 1941. E a partir de aí eses asentamentos daban lugar á Federación de Guerrillas de León-Galicia.

Esta conferencia, que contaba cunha notable afluencia de público, estaba promovida, xunto coa exposición, polo Instituto de Estudios Valdeorreses e por Sputnik Labrego. Ao termo da conferencia os seus investigadores, que eran presentados ao publico polo presidente do IEV, Aurelio Blanco, animaban aos asistentes a seguir colaborando neste proxecto que continúa moi vivo.

 

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button