ConcellosEn portadaÚltima hora

A VIII Festa da Pisa da Castaña de Purdeus (Parada de Sil) reúne a multitude de persoas

Ademais da recreación etnográfica da pisa da castaña seca, a celebración incluía unha concorrida feira de produtos locais e un xantar con 200 comensais

 

Etnografía, festa e gastronomía confluían nunha exitosa oitava edición da Festa da Pisa da Castaña seca en Purdeus-Chandrexa (Parada de Sil), celebrada neste 16 de novembro. A celebración comezaba arredor das 12h. co traslado dos sacos de castañas dende o sequeiro ata o lugar da pisa.

Unha vez alí, comezaba a pisa propiamente dita. Os sacos eran golpeados sobre un tallo de madeira por grupos de catro persoas que se ían alternando. A participación estaba aberta a veciños e visitantes. A medida que se pisaban, os sacos baleirábanse para proceder ao abandoxado, co fin de sacarlles a segunda pel ás castañas que, unha vez limpas, eran depositadas en cestos para ser degustadas.

Esta cita rescata un traballo tradicional que décadas atrás reportaba alimento para unha boa parte do ano. Ademais da recreación da pisa, o programa da festa incluía unha mostra de produtos locais con postos de viños de adegas como Dariz, Adega Vella e Ronsel do Sil, de licor café e cervexa artesá de Icatú, con bicas de Parada de Sil, chocolates, castañas secas e fariña de castaña, etc. A feira estaba animada pola actuación do grupo tradicional Os Trabazos de Castro Caldelas, mentres Protección Civil de Parada de Sil velaba pola seguridade e organizaba o tránsito de vehículos e persoas.

Este ano o Concello de Parada de Sil, que preside Aquilino Domínguez, incluía varias novidades na festa. Unha delas era un aperitivo gratuíto cun petisco de castaña con chourizo e viño, en gran parte convidado polas adegas. A iniciativa tiña moi boa acollida.

 

 

Outra das novidades estaba no menú do “Xantar popular da castaña”, que se servía a partires das 14h. e no que se esgotaban as entradas, sendo 200 os comensais. O menú incluía, por vez primeira, pulpo, ademais da clásica empanada e carne ao caldeiro, xunto cunha sobremesa típica de castañas, viño e café.

“Estamos moi contentos porque tivemos máis participantes que nunca, entre eles había 56 persoas da Coruña que viñeron nun autobús e que se enteraron a través das redes sociais. Tivemos unha mañá moi propia porque amenceu mal, pero logo deixou de chover para o acto de celebración da pisa”, comentaba Paco Magide, concelleiro de Cultura de Parada de Sil. Ademais lamentaba que “ninguén da Administración nos acompañara este ano nunha festa etnográfica que é única en Galicia, xunto con outra que hai no Courel (Lugo). É algo triste porque isto é traballar polo rural”.

Fotos: Concello de Parada de Sil/ Carlos G. Hervella/ A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button