ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A vila da Veiga convértese nun xigantesco belén enxebre que inclúe ao Apalpador

 

Da madeira tallada agroman boa parte das figuras, construcións e adornos que, situados ao longo da vila da Veiga, convértena nun xigantesco belén enxebre. Esta singular e orixinal iniciativa está coordinada polo Concello pero foi posible grazas a colaboración desinteresada dos veciños desta localidade, pero tamén de aldeas próximos, que nos últimos días mesmo deixaron os seus quefaceres diarios para dedicarse a preparar a multitude elementos e detalles deste fermoso nacemento, tal e como explica o alcalde veigués, Juan Anta.

 

 

Ademais das clásicas escenas do nacemento como o pesebre (instalado na praza do Concello), poden verse outras tradicionais como unha adega, un carro, unha cantina con tapa de pulpo incluída e mesmo ao personaxe mítico do Nadal nas montañas galegas: o Apalpador. A madeira acompáñase nesta decoración con multitude elementos vexetais, cordas, etc.

 

 

 

Esta proposta, froito da creatividade e do traballo conxunto e desinterado dos veciños do municipio da Veiga, podía verse xa nesta fin de semana coincidindo coa celebración da 1ª Feira das Montañas de Trevinca, un evento que amosará os produtos da Alta Montaña Galega os días 14 e 15 de decembro a través dunha programación moi diversa e completa. Deste xeito, numerosas persoas percorrían xa a localidade visitando cada unha das súas partes. O nacemento estará instalado ata pasar Reis.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/a-faba-loba-e-o-mel-protagonistas-da-1o-feira-das-montanas-de-trevinca/

 

Artigos relacionados

Back to top button