EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A vindeira Feira do Viño de Quiroga convidará a unha adega doutra D.O. como convidada

Será Son do Arrieiro, premio “Vida entre Vides” 2021, da Denominación de Orixe Ribeiro

 

Séguense dando pasos na organización da XL Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará o 16 e 17 de abril e na que por primeira vez acudirán os adegueiros profesionais. Unha nova decisión poñerá a nota diferenciable con outras feiras da contorna: cada ano acudirán, ademais das adegas participantes, unha adega doutra Denominación de Orixe (galega ou española) en calidade de invitada. Neste primeiro ano decidiuse que a adega invitada sexa Son do Arrieiro, premio “Vida entre Vides” 2021, da Denominación de Orixe Ribeiro.

“A desta edición será polo tanto unha feira con dúas importantes novidades que pechan unha etapa e abren outra. Unha nova etapa cunha proxección máis aberta e ampla dos viños que saen das uvas dos nosos viñedos e das que cada adega fai un produto exclusivo, pero tamén dando a oportunidade de ver outros viños de fora da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coa invitación cada ano a unha adega doutra denominación”, tal e como informa o Concello de Quiroga.

Así mesmo, por primeira vez acudirán á feira adegueiros profesionais. Esta cuestión foi acordada xa no ano 2019 pero a pandemia sanitaria, que impediu que se levara a cabo esta festa, fixo que aínda non se puidese materializar. “Esta decisión quedara plasmada xa na xuntanza da comisión organizadora do evento. Esta semana foi o momento de reunirse coas adegas e explicarlles a idea da comisión organizadora. A comisión organizadora púxose en contacto con todas as adegas da subzona Quiroga – Bibei que forma parte da Denominación Ribeira Sacra e tamén con aquelas adegas que sin estar nesta subzona pero si dentro da D.O. Ribeira Sacra posúen viñedos ou mercan uva en Quiroga. Por diante queda máis traballo e máis xuntanzas da comisión organizadora para organizar as innumerables actividades que van aparelladas a unha festa tan importante para Quiroga”, adiantan os organizadores da mostra.

Artigos relacionados

Back to top button