DeportesÚltima hora

A Volta a España chegará mañá á cidade de Ourense

O final da etapa 14 desta edición de "La Vuelta" será a partir das catro da tarde no entorno do Seminario

 

A Volta a España 2020 chegará mañá, mércores, 4 de novembro, a Ourense. Será “un día histórico” para a cidade, en palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen pon en valor o feito de que Ourense e Madrid son as dúas únicas urbes que serán meta dunha etapa de La Vuelta. O rexedor subliña que o evento suporá unha “promoción impresionante” para a cidade, e pide “prudencia e colaboración cidadá para que todo o mundo se leve unha grande impresión de Ourense”. Por motivos de seguridade, prégaselle á cidadanía que se absteña de achegarse á ruta, dada a situación sanitaria pola pandemia da COVID-19, e desfrute do espectáculo a través da televisión.

A etapa, procedente de Lugo, prevé o paso do pelotón pola N-120 percorrendo as pontes da cidade, por debaixo ou en superficie, e rematará cunha espectacular chegada en costa ao Seminario “o miradoiro máis bonito que temos en Ourense”, di Pérez Jácome.

A ruta pola cidade comezará cun primeiro paso pola Nacional 120, en sentido Monforte-Ourense, ata chegar á rotonda de Pardo de Cela (segundo as previsións horarias, será entre as 16:10 e as 16:37 horas). Logo o pelotón cruzará a Ponte do Milenio, entrará no barrio da Ponte e sairá da cidade pola N-120 cara o alto da Abelaira, Palmés, Pradobó, Trasalba, Outeiro, Untes, Barrio, e volta á cidade, cruzando a ponte do Ribeiriño, rúa Mateo de Prado e enlazar coa subida ao Seminario, onde rematará a carreira. A chegada prevese entre as 16:50h. (no mellor dos horarios previstos pola organización, caso de que o pelotón rode a unha velocidade de 41 km/h) e as 17:30 horas (se o fai a 37 km/h).

 

 

Cortes de tráfico

Mañá pecharanse ao tráfico desde as 7:30 horas a avenida Vista Hermosa e a rúa do Bispo Lourenzo. Desde as 15 horas, tamén a N-120 dirección Monforte desde acceso Pardo de Cela até o final do termo municipal, Pardo de Cela desde Glorieta de Concepción Arenal até a N-120, rúa Greco tramo entre as rúa Francisco Lloréns e Remedios, Francisco Lloréns desde rúa Greco até Ponte Lebrona, Mateo de Prado, estrada de Reza desde Ervedelo até Avda. Vista Hermosa, estrada de Subida a Nom de Deu, rúa Pablo Iglesias, acceso N-120, C-546 (estrada de Velle) acceso a N-120, N-525 tramo desde Glorieta Ervedelo a rúa Basilio Alvarez, N-120 desde rúa Basilio Álvarez até Eirasvedras, Sampaio acceso a N-120, cemiterio As Caldas, acceso a N-120, Basilio Álvarez entre Victoria Kent e N-525, Xesús Pousa dirección Basilio Álvarez e Eulogio Gómez Franqueira acceso a N-120.

Artigos relacionados

Back to top button