DeportesÚltima hora

A Volta a España feminina percorrerá en setembro as comarcas de Valdeorras, Trives e Caldelas

Na proba ciclista participarán 144 corredoras de 24 equipos e mobilizará 50 vehículos ó da organización. Poderá seguirse, vía satélite, desde calquera lugar do mundo

Pelotón da anterior edición da Volta a España feminina.

 

A Estación de Montaña Manzaneda prepárase para acoller a Ceratizit Challenge by La Vuelta 21, ou o que é o mesmo, a Volta a España feminina que se celebrará a partir do 2 de setembro. De feito nas inmediacións do complexo concentraranse tres das catro etapas da rolda, con tres saídas e unha chegada.

Tal como avanzan dende Manzaneda desde os dous días previos á primeira etapa prevense preto de 400 pernoitas diarias nunha proba na que participarán 24 equipos, 144 corredoras, mobilizará 50 vehículos só da organización e que poderá seguirse, vía satélite, desde calquera lugar do mundo.

A produción televisiva da carreira por parte dos organizadores realizarase con motos, un helicóptero wescan e cámaras fixas, ao que hai que sumar os equipos e unidades móbiles de resto de medios, especialmente Televisión Española e Televisión de Galicia, que farán unha cobertura especial da proba. Debido a iso, “establecementos de todo tipo das comarcas de Trives, Caldelas e Valdeorras, na provincia de Ourense, están a colgar o cartel de cheo para esa semana”, din dende a estación.

Así, entre o 2 e o 5 de setembro, Galicia acollerá ás mellores ciclistas do mundo, que ser darán cita na carreira española máis relevante do calendario feminino co obxectivo de superar á alemá Lisa Brennauer, do equipo Ceratizit- WNT Prol Cycling, gañadora das dúas últimas edicións e gran favorita.

 

 

Serán un total de catro etapas con diferentes e atractivos perfís, das cales tres de desenvolverán integramente na provincia de Ourense e unha, a cronoescalada, que será tamén a máis vistosa, na Estación de Montaña Manzaneda. A cuarta e última etapa terá lugar en provincia da Coruña, concretamente entre As Pontes e Santiago de Compostela.

Será, ademais, o ano no que a rolda conte con máis etapas, converténdose nunha proba esencial do WordlTour feminino. A primeira delas comeza na Estación de Montaña Manzaneda e culminará na Rúa, pasando pola Pobra de Trives, Larouco, Petín, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Prada, A Veiga e Santa Cruz. Será o segundo día de competición cando Manzaneda acolla a cronoescalada, a primeira na historia da Volta feminina, de 7,3 quilómetros e cun desnivel acumulado de 424 metros. A Estación de Montaña Manzaneda será tamén a saída da terceira xornada, con case 108 quilómetros de percorrido rompepiernas e que pasará pola Pobra de Trives, Castro Caldelas, Pedrafita, Parada do Sil, Vilariño Frío, Casetas do Rodicio, Maceda ou Esgos ata chegar á liña de meta situada no municipio ourensán de Pereiro de Aguiar.

A última etapa da proba ciclista comezará nas Pontes e concluirá en Santiago de Compostela, con 107 quilómetros e pasando por Ou Vilariño, Guitiriz, Teixeiro, Sesmonde, Pontecarreira, Couso ou Sigüeiro. Deste xeito, A Volta a España Feminina percorrerá Galicia por primeira vez na súa historia, cun importante protagonismo de Manzaneda e da provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button