DeportesÚltima hora

A Volta a España sairá de Ourense por primeira vez na historia

A provincia galega acollerá a primeira etapa da 71º edición da ronda española que se celebrará no verán de 2016
A directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro;  o presidente da Deputación  de Ourense, Manuel Baltar; e o director da Volta, Javier Guillén.
A directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o director da Volta, Javier Guillén.

A 71ª edición da Volta a España, que se celebrará o vindeiro verán de 2016, sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense. Así o anunciaban na mañá do 11 de setembro en Medina del Campo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro; e o director da Volta, Javier Guillén.

O feito de ser o punto de partida da ronda, acollendo a primeira etapa deste evento ciclista (a contrarreloxo por equipos), foi calificado como “unha excelente noticia” polo presidente do goberno provincial, quen destacou “o gran impacto promocional e económico que suporá para a provincia de Ourense, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo”.

Os organizadores estiman que o impacto dunha etapa da Volta sitúase ao redor de 350.000 euros, contando os ingresos directos en hostalería e combustible, entre outros, aos que hai que engadir a repercusión mediática e promocional en todo o mundo (chega a 178 países).

Malia que este ano Galicia quedaba fóra da cita, no 2016 coa saída da Volta dende un balneario da provincia, Ourense protagonizará outro momento histórico ao igual que o foi o comezo dende unha batea en Vilanova de Arousa no ano 2013 ou o remate do pasado ano que se mesturou coa meta do Camiño en Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button