ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

A voz xaponesa de Yoshi Hioki, no “De Perto” do Barco

Publicidade

 

Non é a primeira vez que o ciclo “De Perto”, que se desenvolve dende o 25 de xuño no Barco, conta con presenza internacional. Houbo contadores chegados dende Bos Aires, Liboa ou mesmo Camerún, tal e como lembraba na tarde do 2 de xullo o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo. Pero ese día era a primeira vez que neste ciclo dedicado á palabra en todas as súas disciplinas se recibía a un narrador xaponés: Yoshi Hioki. E facíao ademais na Sala Julián Trincado da Casa Grande de Viloira, debido á chuvia.

A súa presentación corría a cargo de Paula Carballeira, que era ademais a contadora que abría esta novena edición do “De Perto”. Na súa intervención dicía que esta é unha das “voces que vén de lonxe, pero que soan moi preto” e incidía en que entre Galicia e Xapón hai máis cousas en común das que puidera parecer, entre elas, o humor.

 

 

Deseguido Yoshi Hioki, que ademais de narrador tamén é artista plástico, subía ao escenario cantando unha peza tradicional xaponesa. Cuxo significado compartía con público, comentando que a canción fala dunha flor de loto, que se abre e se pecha. “Aquel que ve como se abre, é feliz, o que ve cando se pecha, tamén, pero os que ven como se abre e pecha, son moi felices”. E adiantaba que as súas historias ían ser como flores de loto que ao irse contando, florecen nese proceso.

A partir de aí comezaba a narrar unha serie de contos xaponeses, o primeiro deles era sobre dous velliños e o medo. Contos cheos de ensinanzas e tanto para un público de todas as idades.

A palabra contada será, novamente a protagonista do De Perto, o vindeiro 7 de xullo da man da aragonesa Cristina Verbena, ás 20:30h. no Xardín da Casa Grande de Viloira.

 

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button