EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A X Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños” ponse en marcha

Desenvolverase do 9 ao 19 de xaneiro e contará nesta edición con 23 establecementos participantes

 

Con ata 23 establecementos, distribuídos en tres zonas diferentes, que levan o nome doutras tantas variedades de uva valdeorresas, contará a décima edición da Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños”, que se celebrará do 9 ao 19 de xaneiro nesta vila.

Así o anunciaba a presidenta do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Sandra Moldes, durante a presentación desta ruta gastronómica na mañá do 8 de xaneiro na Praza de Abastos do Barco. Ademais explicaba a mecánica desta edición, na que novamente, os “pinchos estrela” terá un custe idéntico de 1,70 euros en cada un dos locais participantes. Para achegar ao público a ruta editouse “un mapa onde aparecen as tres zonas (mencía, godello e dona branca), cos establecementos que hai en cada unha delas, a súa localización, tipo de petisco, horarios nos que se sirven, así como os días de peche do local, no caso de habelos”, engadía Moldes.

Ademais o público terá a oportunidade de votar ao seu petisco predilecto a través duns boletos que estarán nos establecementos e que tamén poderá ir selando en cada un dos locais. Deste xeito terá a posibilidade de entrar nun sorteo de catro ceas para catro parellas (sempre é cando teña un mínino de cinco selos e, cando menos, un por cada unha das tres zonas). Os boletos terán que depositarse ata o 21 de xaneiro en calquera das urnas dos locais da ruta e o sorte celebrarase o 27 de xaneiro. Nesta edición, as catro ceas do sorteo serán patrocinadas por Distribuciones Anger Valdeorras, SL.; Bodegas D’Berna, Distribuciones Roca e Exclusivas Morales, segundo matizaba Sandra Moldes.

 

 

Os dous últimos días desta ruta faranse coincidir novamente coa Festa do Botelo do Barco na fin de semana do 18 e 19 de xaneiro, na que sete restaurantes barquenses (algúns dos cales tamén participan na ruta) contarán con este emblemático produto valdeorrés nos seus menús: Tapería Al Natural, Pulpería El Dorado, Restaurante Fernando III, Casa Galaica, Piquiño Restaurante, Casa Lameiro e La Gran Tortuga (este só o 18 de xaneiro), segundo explicaba Sandra Moldes, que tamén agradecía a implicación do Concello do Barco nesta iniciativa promovida polo CCA e pola Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA).

 

 

O acto, que contaba coa asistencia da presidenta de AEVA, Araceli Fernández, así como dunha parte hostaleiros participantes, do alcalde do Barco, Alfredo García; e da concelleira de Turismo, Irene Dacal. Alfredo García agradeceu “o esforzo” dos hosteleiros para desenvolver esta ruta, “á selección está a vista”, dicía sinalando os petiscos que se servirán a partir de mañá nos establecementos, “parabéns polo voso traballo. Esta iniciativa é unha boa forma de dinamizar xaneiro, un mes que tradicionalmente era malo para a hostalaría, e deste xeito hai unha escusa para que a xente saia á rúa”. Pola súa banda, a edil de Turismo, daba tamén ás grazas ao sector polo seu labor.

Boa parte dos petiscos desta X Ruta de Pinchos do Barco estarán expostos na Praza de Abastos ao longo desta mañá de 8 de xaneiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Zonas da X Ruta “O Barco vai de Viños”

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close