OurenseÚltima hora

A Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense presenta a campaña de seguridade vial “No Nadal, ti escolles”

Realizábase unha posta en escena con seis vehículos co fin de facer reflexionar sobre a importancia de estar atentos ao volante nestas datas festivas

 

“No Nadal, ti escolles”. Este é o lema da campaña de seguridade vial que a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense presentaba neste 19 de decembro no marco das datas de Nadal e ante posibles excesos e relaxación ao volante. Nela convídase aos condutores a escoller a maneira de volver a casa sans e salvos.

Para dar a coñecer esta campaña, que se presentou no vial de servizo anexo ao Cemiterio de Santa Mariña (Ourense), os seus promotores empregaron seis tipos de vehículos para simbolizar as opcións dispoñibles para regresar a casa: unha grúa cun vehículo sinistrado, un taxi ou outros medios de transporte público, vehículos de emerxencias, vehículo de Atestados de Tráfico, atención sanitaria en ambulancia e, por último, un furgón fúnebre en caso de falecemento.

Así mesmo, mentres no decurso da presentación efectuouse un control preventivo de alcoholemia e drogas aos condutores dos vehículos que circulaban pola zona, dando como resultado un positivo en THC (cannabis).

Con esta posta en escena buscábase facer reflexionar á sociedade sobre a importancia de estar atentos ao volante. O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, apuntou que con esta iniciativa preténdese “trasladar de maneira realista aos condutores a responsabilidade que adquiren á hora de conducir trala inxestión de alcohol ou doutras drogas”. Así mesmo incidía na “necesidade de mandar unha mensaxe de prudencia aos condutores nestes últimos días do ano para que cumpran as normas”.

 

 

Pola súa banda, o xefe Provincial de Tráfico, David Llorente, resaltaba que nas das festivas do Nadal “o número de desprazamentos curtos e coñecidos aumenta expoñencialmente, incrementándose os descoidos á hora de cumprir as normas de tráfico”. Así, recalcou que tres dos catro condutores que faleceron na provincia no ano 2019 non levaban posto o cinto de seguridade e que os dous peóns atropelados en estrada non facían uso de elementos reflectores de noite. Apuntou, igualmente, que no que vai de ano na provincia se levan restado máis de 9.500 puntos, ao que lle hai que sumar máis de 300 atestados por delitos por condución baixo a influencia do alcohol.

Llorente aseguraba tamén que no ano 2019 se constatan un total de 7 falecidos en estradas competencia do Estado e 69 feridos graves, cifras que diminúen con respecto ao ano 2018. O obxectivo que mantén a Xefatura Provincial é rematar este ano seguindo esa liña, para o que se pediu extremar as medidas de seguridade e precaución neste período no que se incrementa o número de desprazamentos curtos e coñecidos, así como as comidas e ceas de empresa.

Na mesma liña, o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Ángel Rafael Rodríguez, insistiu na importancia da precaución nestas datas, invitando a “non relaxarse” ao volante, posto que as distraccións supoñen máis do 80% dos accidentes. Así mesmo, recalcou a necesidade de adecuar a velocidade ao estado da vía e a empregar os elementos de seguridade do vehículo.

A presentación contou coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, taxi de Ourense, emerxencias de San Cibrao das Viñas, Grúas Varela Motor, Funeraria Mosquera, Protección Civil, Cruz Vermella e representantes do colectivo de vítimas de accidentes.

Artigos relacionados

Back to top button