CulturaCulturaÚltima hora

A xenialidade de Paco Pestana e Valdeorras

Paco Pestana xunto a Paulo Neves e Álvaro de la Vega, no encontro artístico “Saboroso e vexetal, o castiñeiro é un animal” en Xagoaza (O Barco)./ Foto: Gustavo Docampo.

 

Acaba de emprender a derradeira viaxe o escultor de Castroverde, Paco Pestana. Sorprendíao a morte en Lugo o pasado luns, de xeito súbito e demasiado pronto, tiña 72 anos. Inevitablemente un acode ás lembranzas en momentos así, repasa mentalmente imaxes e conversas cun dos artistas máis singulares da arte galega contemporánea.

Pestana participou nos encontros de artistas Valdearte en dúas ocasións, en 1994 e 1995. Gustaba moito daquel ambiente, no que fervía a creatividade de novos talentos, cando o seu xa era un nome propio recoñecido e recoñecible na escultura. Aquelas veladas no vello Hotel Avenida, literalmente tomado polos artistas, e as súas sesións de traballo na praia fluvial do Malecón, para converter un castiñeiro morto na “Nosa Señora do río de Valdeorras” que hoxe preside, con máis de tres metros de alto, o arranque da escaleira da Casa Grande de Viloira.

 

“Nosa Señora do río de Valdeorras” de Paco Pestana, dentro da colección Valdearte, exposta na Casa Grande de Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

 

O ano seguinte fixo tamén, entre baño e baño, á vista de bañistas e curiosos, “Coméndolle o medo á lúa” unha escultura que encadeou a un chopo coa idea de que o río, nas súas crecidas, chegase a tocala coa auga. Algúns viron naquel ser de corpo estarricado un lobo namorado da lúa, pois botaba un corazón enorme pola boca. Anos máis tarde procedeuse ao descendemento do “lobo” ao ser decretada a tala dos chopos.

 

“Coméndolle o medo á lúa” de Paco Pestana, no edificio Multiusos do Barco./ Foto: A.R.

 

No ano 2005 o aparellador municipal, Avelino R. Abella (d.e.p.), tivo a idea de integrar a escultura na entrada acristalada do novo edificio Multiusos do concello, onde podería verse desde os descansos da escaleira con perspectivas diferentes. Ao autor pareceulle ben aquilo e accedeu xenerosamente a restaurar a peza das pegadas que lle deixara a intemperie, mais transformou aquela figura de tres metros que miraba á lúa no río, deulle outra policromía, ensartoulle o corazón no peito e, desta volta, sería un lagarto rampante pintado en tonalidades verdes e cuns testículos rosados. Lagarto namorado igualmente, “admirador enlouquecido do Sil” como o propio autor confesaba ser.

Dous anos máis tarde Paco Pestana participa, xunto a Paulo Neves e Álvaro de la Vega, no encontro artístico “Saboroso e vexetal, o castiñeiro é un animal” promovido por Godeval e o MACUF na contorna do Mosteiro de Xagoaza. De novo o castiñeiro, a nosa árbore da abundancia, vai ser transformado para a arte.

 

Paco Pestana, no encontro artístico en Xagoaza (O Barco)./ Foto: Gustavo Docampo.

 

Foron tres momentos para compartir con este creador xenial, conversador culto e retranqueiro, ocorrente contador de historias, poeta e showman, labrego apegado ás formas e aos materiais da natureza (madeira sobre todo) nos que intervén para crear mundos oníricos con estampados, policromías, engadidos de elementos manipulados, “as notas son coñecidas mais a sinfonía resulta unha revelación” (cita libre dun dos seus versos).

A obra de Pestana é moi persoal, os críticos din que inclasificable e iconoclasta. A nós, a xente do Barco e de Valdeorras, quédannos dous magníficos exemplares, como dous tótems que nos conectan co mundo de realidades aparentes dun amigo xeneroso e un portento da imaxinación.

Texto: Gustavo Docampo.

Artigos relacionados

Back to top button