CulturaCulturaÚltima hora

A Xeración Nós, Medalla do Parlamento de Galicia 2021

O acto de entrega terá lugar o 6 de abril, coincidindo co 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia

Foto: Parlamento de Galicia.

 

A Mesa do Parlamento de Galicia decidía na súa reunión deste martes, por unanimidade, conceder a Medalla do Parlamento “ao conxunto da Xeración Nós e os seus discípulos. O galardón recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración Nós, coincidindo co seu primeiro centenario”, segundo facía público esta institución.

Ademais o Parlamento galego lembra que o 30 de outubro de 1920 vía a luz o primeiro número da revista “Nós”, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, “círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, ata a súa desaparición en 1936”.

E indica que “personalidades como Xavier Prado “Lameiro”, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, ao igual que todas as figuras –preto de 200- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da revista”.

Tamén resalta o Parlamento galego que “uns e outros conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais fondamente enraizadas na realidade local. Con eles, a denominada Xeración Nós, o galeguismo comezou unha nova andaina. A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración, sinala o acordo adoptado pola Mesa da Cámara”.

O acordo da Mesa considera que a autonomía política da Galicia actual é “tributaria da semente depositada pola Xeración Nós, méritos que a Cámara galega quere recoñecer coa concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2021. Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez e Fundación Vicente Risco.

Ao igual que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento de Galicia será entregada do vindeiro 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que este ano celebra o seu 40 aniversario.

Fundación Vicente Risco

Dende a Fundación Vicente de Risco vén de amosarse o seu agradecemento a través dun comunicado no que a súa presidenta, Celia Porto, destacaba que se “recibe con honor e gratitude este recoñecemento a unha xeración de persoas xenerosas que contribuíron, co seu traballo conxunto, brillante e desinteresado, a crear o país que nós herdamos, cunha lingua e cultura de seu, que nos enche de orgullo e ledicia”.

Ademais amosa as súas felicitacións “ás nosas fundacións irmás da Xeración Nós, Losada Diéguez, Otero Pedrayo e Castelao, co desexo de seguirmos colaborando como fixeron as figuras que nos dan nome e razón de ser”.

Artigos relacionados

Back to top button