SanidadeÚltima hora

A Xerencia de Xestión Integrada ourensá e a Fundación Valdegodos asinan un convenio

O acto de sinatura deste acordo de colaboración tiña lugar en Ourense na mañá do 14 de xullo
Detalle do exterior da residencia de Valdegodos na localidade vilamartinesa do mesmo nome./ Foto: Carlos G. Hervella
Detalle do exterior da residencia de Valdegodos na localidade vilamartinesa do mesmo nome./ Foto: Carlos G. Hervella

A xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez, e o presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco, veñen de asinar o 14 de xullo un convenio de colaboración de voluntariado que permitirá “dar resposta inmediata ás necesidades de internamento socio-sanitario dos pacientes que, unha vez dados de alta nalgún dos hospitais do Sergas da provincia, non poden retornar ao seu domicilio por limitacións de autonomía ou necesidade de adaptación da súa vivenda”, segundo se informa dende o Sergas.

Así a través desta iniciativa, promovida polo Servizo de Traballo Social da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, “os pacientes que o precisen poderán acceder a unha praza nalgunha das residencia desta fundación, no tempo que medie entre a alta hospitalaria e seu acceso a unha praza nun centro residencial público, ou súa volta ao fogar”.

Para poder acollerse ao programa é preciso reunir, segundo indica o Sergas, unha serie de requisitos: “ser maior de 60 anos, ter limitación de autonomía e necesidade de axuda dunha terceira persoa para as actividades básicas, non ter familia ou rede social de apoio -ou que as características da mesma lle impidan darlle os coidados necesarios-, imposibilidade de acollemento noutra unidade de convivencia; que o seu ingreso en centro sexa a única alternativa posible ante a alta hospitalaria; ter limitados recursos económicos para asumir o custe dunha praza nun centro privado; e ter iniciadas xa as xestións e tramites para ou seu acceso a unha praza en Centro Residencial Público”.

Asemade dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense matízase que as persoas que se acollan a este programa “poderán recibir atención sociosanitaria naquela residencia que a Fundación Valdegodos considere axeitada, de xeito totalmente gratuíto, asumido pola Fundación, no caso de persoas con carencia total de recursos, ou por un porcentaxe da súa pensión ou prestación pública no caso de recibila, mais unha cantidade adicional que se valorará en función dos seus recursos”.

Con este convenio xa son tres as fundacións ourensás de carácter benéfico-social que colaboran voluntariamente nesta necesidade social.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button