En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XIII Festa da Vendima de Punxeiro (Viana) congregaba a unhas 1.200 persoas

A música animaba unha multitudinaria celebración marcada polo viño e gran variedade de petiscos

 

Arredor das oito da tarde do 12 de outubro multitude de persoas, con panos violetas no pescozo, enchían a praza de Punxeiro (Viana do Bolo). Deste punto partía a ruta da XIII Festa da Vendima desta localidade, unha cita xa consolidada no outono no oriente ourensán. Xusto antes, Jorge Domínguez, en nome da organización, facía unha lembranza especial aos veciños do pobo que xa non poderán estar en máis edicións, destacando ademais que este ano había varias adegas de loito.

Agradecía a numerosa asistencia, resaltando que grazas ao que pagan pola entrada os participantes e tamén a que “hai 118 empresas e negocios de Viana, da Rúa, de Petín, do Bolo, da Mezquita, da Gudiña, de Vilamartín que colaboran con nós cun pequeno anuncio nun libro que facemos, pódese facer esta festa. Aquí non hai subvencións, isto é posible polo traballo dos veciños de Punxeiro, pola vosa entrada e polo apoio desas empresas, así que grazas!”, sinalaba.

 

Jorge Domínguez xusto no inicio da festa na praza de Punxeiro.

 

Domínguez tamén lle entregaba un agasallo ao fotógrafo Andrés Ortiz e ao seu pai en recoñecemento ao labor fotográfico que realizan sobre as tradicións e outros aspectos relacionados con Viana do Bolo. Pouco despois, soaba a música das tres charangas presentes nesta edición: Fuego, Achicoria e BBB.

 

Os participantes enchendo a praza.

 

Marcando o son, cada unha delas dirixíase ás primeiras adegas en abrir, moi preto da praza. A partir de aí os arredor de 1.200 participantes podían desfrutar de viño (branco e tinto), ademais de gran variedade de petiscos elaborados polos veciños de Punxeiro entre eles ovos cocido, embutido, orella, empanadas variadas, callos, etc. Non faltaban tampouco doces como as torrexas ou a bica. Non faltaban tampouco bullotes asados.

 

Membros da organización con algúns dos petiscos que se servían na festa.

 

Unha vez pechaban as tres primeiras adegas, a festa continuaba nas tres seguintes  e así ata completar o percorrido cun total de 17 adegas nesta edición. En torno ás once da noite, a ruta trasladábase ao campo da festa onde estaba prevista unha chocolatada e actuaban, ata ben entrada a madrugada os grupos La Misión e Arizona.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos:
https://osil.info/videos-da-xiii-festa-da-vendima-de-punxeiro-viana/

Artigos relacionados

Back to top button