ConcellosSoberÚltima hora

A XL Feira do Viño de Amandi (Sober) será o 5 e 6 de decembro, tras un mes cheo de actos

“Vímonos obrigados a reinventarnos”, sinala o alcalde de Sober, que anima a apoiar esta mostra “como un modo de apoiar tamén aos nosos bodegueiros nun ano especialmente complicado para todos”

 

Cun brinde nos recentemente reformados Pendellos de Cadeiras, en Pinol (Sober), encetábase o programa de actos da XL Feira do Viño de Amandi na mañá deste sábado 7 de novembro. Ademais, nesta presentación, presidida polo alcalde de Sober, Luis Fernández; dábase a coñecer o cartel anunciador desta edición da mostra, obra de Isabel Núñez. Este cartel foi especialmente adaptado para a ocasión cunha vendimadora con máscara.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, a Casa da Cultura de Sober acollerá unha xornada sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos organizada pola IXP Castaña de Galicia. A partir de aí desenvolveranse multitude de propostas (as que non poidan contar con público, debido ás restricións impostas polas autoridades sanitarias, serán retransmitidas a través das redes sociais do Concello) que darán paso á Feira-Mostra do Viño de Amandi 2020, xa na fin de semana do 5 e 6 de decembro.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, recorda que este 2020 “vímonos obrigados a reinventarnos”, polo que anima a apoiar esta Feira “como un modo de apoiar tamén aos nosos bodegueiros nun ano especialmente complicado para todos”.

 

O alcalde de Sober, Luis Fernández, co cartel desta nova edición da feira./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ponse en marcha o Mes do Amandi

No marco do Mes do Amandi, o luns día 9 ás 11:30 horas o alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober fará unha visita guiada á restauración das pinturas murais da igrexa de Santa María de Lobios. Ademais, o mércores 11 de novembro ás 12:00 horas haberá un showcooking con Carlos J. González, do Restaurante Merenzao, de Francos de Doade.

Para o xoves 12 de novembro ás 12:00 horas está prevista a inauguración da exposición de carteis da XL Feira do Viño de Amandi na Casa da Cultura de Sober. O venres día 13 de novembro ás 18:00 horas charla nas Merendas con Contos baixo o título ‘Os novos viticultores de Amandi visitan as Merendas con Contos’.

O programa continuará o sábado 12 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo de Sober coa presentación do slogan promocional dos viños da subzona de Amandi (D.O.P. Ribeira Sacra). O mércores 18 de novembro ás 10:00 horas presentarase a IXP Mexillón de Galicia ao alumnado e profesorado da Escola de Hostalería de Rosende. E o xoves 19 a partir das 11:00 horas haberá unha xornada de maridaxe de Mexillón de Galicia con viños de Amandi en colaboración con IXP Mexillón de Galicia.

A Escola de Hostalería de Rosende elaborará durante o mes de novembro pratos especiais con produtos da zona maridados con viños da D.O. Ribeira Sacra, subzona de Amandi.

No marco cultural, a bodega Rectoral de Amandi será o escenario o xoves 19 de novembro ás 12:00 horas da presentación do libro Ribeira Sacra, orixe e evolución da Denominación de Calidade, de José Mouriño. Organizan: GDR Ribeira Sacra-Caurel, GDR Miño-Ulla, GDR Adercou e GDR Sil-Bibei-Navea.

O venres 20 de novembro a partir das 19:00 horas as Merendas con Contos celebran a Santa Icía. O sábado día 21 de novembro ás 19:00 horas será a presentación do libro disco de Xabier P. Vizcaíno na Casa da Cultura de Sober, unha actividade patrocinada pola Dirección Xeral de Política Lingüística.

O mércores 25 de novembro ás 12:00 horas showcooking con Martín Mantilla, do Restaurante Berso de Sober. O Concello de Sober puxo en marcha tamén o concurso infantil da Feira do Viño de Amandi, cuxos gañadores se darán a coñecer o venres 27 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura. Tamén se presentará o pousavasos co debuxo gañador.

O venres 27 tamén haberá teatro familiar ás 18:00 horas na Casa da Cultura patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo. Presentarase ‘O viaxante dos soños’ de Abú Teatro. Do 27 ao 29 de novembro celebrarase o Foro Territorios Patrimonio 2020 no Hotel Pazo de Sober organizado por i-Radia. Festival 17º Ribeira Sacra.

A Feira -Mostra do Viño de Amandi

O día 5 de decembro farase a apertura e presentación da Feira-Mostra do Viño de Amandi no Hotel Pazo de Sober. A asistencia será mediante convite a distribuidores, xornalistas especializados e restauradores. O horario será de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 20.30 horas. E o domingo día 6 de 11:00 a 14:30 horas.

O pregón da Feira, que correrá a cargo da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co premio Actriz Revelación nos últimos Premios Goya polo seu papel en ‘O que arde’, será retransmitido a través das redes sociais do Concello de Sober.

Os mesmos días levarase a cabo a precata e a cata de viños. O domingo día 6 farase a entrega de premios e a clausura da Feira-Mostra ás 13:30 horas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close