EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A XL Feira do Viño de Quiroga abre as súas portas cunha ducia de adegas

O pregón, a cargo do actor Iván Sánchez, terá lugar ás 20:30h. desta tarde

 

Coa participación, por vez primeira, dunha ducia de adegas industriais cobraba vida na mañá destse 16 de abril, Sábado Santo, a XL Feira do Viño de Quiroga na rúa Real da vila. Así ao longo desta fin de semana poderán degustarse os viños de once adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, entre elas as das quiroguesas Lar de Ricobao, Fructuoso-Hobbs e Val de Quiroga. Tamén están presentes na mostra Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV 2015, Ponte da Boga, Purificación Díaz Ferreiro, Rectoral de Amandi, Terrazas de Outeiro.

Así, tras o parón obrigado pola crise sanitaria, retómase esta mostra e iniciando unha “nova etapa na historia do certame, que sen perder a súa esencia, camiña cara a modernidade”, en palabras do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O acto inaugural da XL Feira do Viño de Quiroga tiña lugar arredor das 11:45h. deste sábado coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o conselleiro do Medio Rural, o director xeral de Agacal e o alcalde de Quiroga. Tamén asistían o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e a Confraría do Viño de Quiroga.

 

 

“Quiroga é terra de viño e non deixa de ser dentro da Ribeira Sacra o municipio que máis hectáreas ten plantadas e ao mesmo tempo é o municipio que produce o dobre que o segundo municipio en produción de viño. Polo tanto hoxe é unha homenaxe ao viño e tamén é unha terra do aceite galego de calidade”, dicía o alcalde quirogués no acto oficial de apertura.

A continuación tomaba a palabra o conselleiro do Medio Rural, José González, que resaltaba a calidade dos viños desta zona con selo de calidade, así como os eventos que os poñen en valor, como exemplos do camiño que debe seguir o noso sector primario para servir de panca que contribúa a recuperar e dinamizar o noso rural.

 

 

Na súa intervención, José González referiuse á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta xunto coa Fundación Juana de Vega para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen. Froito da intensa colaboración e do traballo de todo o sector -dixo- esta folla de ruta xa en marcha axudará a definir os pasos a dar a medio e longo prazo tanto polas adegas como polos viticultores.
Así mesmo, o titular de Medio Rural aludiu á Lei de recuperación da terra agraria, pensada -tal e como destacou- para zonas como a Ribeira Sacra, que contan con terreos de calidades agronómicas únicas pero cun elevado grao de abandono. A norma -aseverou- está a servir para apostar por actividade agrogandeira e forestal con valor engadido que permita poñer en valor o noso rural. Actividade como a das denominacións de orixe vitivinícolas mediante polígonos agrarios para o cultivo de viñedo, neste caso.

 

 

A Feira do Viño de Quiroga é a segunda cita do ano coas elaboracións da denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra, tras a celebración a semana pasada da Feira do Viño de Amandi.  Chega á súa edición número 40 ofrecendo o produto dunha ducia de adegas da DO Ribeira Sacra, ás que se suman unha máis convidada da denominación de orixe Ribeiro: Son do Arrieiro.

O programa da mostra continuará pola tarde con actos de referencia como a lectura do pregón, ás 20:30h. coa presenza do actor Iván Sánchez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button