CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A xornada sobre a ruta xacobea de inverno pecha na Rúa o proxecto promocional “Coñece os Camiños”

Organizado pola Orde do Camiño de Santiago no marco do programa O Teu Xacobeo, contou con varias ponencias no Centro Cultural Avenida e unha visita guiada a Fontei e á Ponte da Cigarrosa

 

Primeiro foi en Mondoñedo coa posta en valor do Camiño do Norte; despois pasaron por San Cristovo de Cea coa Vía da Prata; Palas de Rei co Camiño Francés; Tuy co Camiño Portugués; e por último A Rúa coa promoción do Camiño de Inverno.

Na xornada deste sábado 13 de marzo, poñíase o broche ás xornadas multidisciplinares “Coñece os Camiños” coas que a Orde do Camiño de Santigao se suma ao programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta con motivo da celebración do Ano Santo 2021. Un acto celebrado o Centro Cultural Avenida co obxectivo de “contribuír a difundir entre os veciños de Valdeorras a cultura Xacobea”.

 

Os membros da Orde do Camiño de Santiago co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

 

Coa presenza dun bo número de membros da Orde do Camiño de Santiago, encabezados polo seu presidente Miguel Pampín e o vicepresidente executivo Alejandro Rubín, a xornada arrancaba pasadas as once e media desta mañá, coa imposición do pano e do pin da Orde ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández. Como anfitrión do acto promocional da ruta xacobea que atravesa a comarca de Valdeorras (e vive este ano o seu primeiro Xacobeo como ruta oficial), o rexedor rues foi un dos encargados de inaugurar o acto, agradecendo a presenza dos asistentes e a iniciativa que “servirá para promocionar non só o noso pobo senón toda a comarca”, lembrando o labor dos concelleiros, especialmente de José Vicente Solarat que fixo de conexión entre o Concello e a organización.

Coa música dos gaiteiros solistas da Real Banda de Gaitas, Marco e Lucía, e presentado polo propio Rubín, o programa arrancaba trala inauguración coa primeira das conferencias, a cargo de Jesús Ares Vázquez, Presidente de ATREGA (Asociación de Turoperadores de Galicia) quen fixo un repaso histórico polas etapas e evolución do Camiño de Santiago como ruta cultural europea, dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a actualidade, sen esquecer os períodos escuros (peste negra, guerra dos cen anos,…) e tamén os de máximo esplendor como o de 1993 “que supuxo un punto de inflexión ata o presente”, dixo.

 

O alcalde da Rúa durante a inauguración do acto no Centro Cultural Avenida.

 

A seguinte ponencia corría a cargo de Bruno de Llano, especialista en xestión local e autonómica de Ecoembes, que falou sobre a importancia do impacto medioambiental no Camiño poñendo de manifesto a relevancia de apostar pola sostibilidade.

Na terceira quenda subía ao escenario do Centro Cultural Avenida a presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, gran coñececedora do Camiño de Inverno que fixo unha interesante exposición sobre as singularidades desta ruta, partindo dos ríos como eixo central. Baixo o título “Un percorrido xacobeo entre ríos, viñedos, vestixios romanos e a singular terra monástica da Ribeira Sacra”, Aida destacou “a presenza do río Sil co que o peregrino queda impactado cando entra en Galicia por Valdeorras ata pasar Quiroga ao londo de 70 km”, sen esquecer ao río Miño en Belesar. “Nesta ruta os peregrinos perciben e desfrutan dos dous ríos máis importantes que vertebran a nosa terra galega, ademais de pequenos regatos nos que queda a impronta dos nosos antergos nas infraestruturas que utlizaban para cruzalos”. Ménedez non esqueceu a forte pegada romana, vencellada de novo ao río Sil que levaba o ouro, coa importante construción da Via Nova “esa calzada trasversal dende as Médulas, seguindo o curso fluvial”; nin os mosteiros, especialmente na Ribeira Sacra “lugares de hospitalidade onde os peregrinos atopaban acollemento”; e por suposto os viñedos. “O de inverno é o único camiño que percorre tres Denominacións de Orixe en Galicia: a de Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas e a o Bierzo en León. É impresionante a riqueza que aporta”, asegurou.

 

Visita guiada a Fontei.

 

O turno de intervencións pechábao a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras Asunción Arias, falando do Camiño de Inverno “como eixo vertebrador da natureza e o ser humano”. Mais a xornada continuaba pola tarde, despois da degustación de produtos tradicionais da zona, coa posta en valor de aspectos etnográficos da vila, cunha visita guiada a Fontei (praza e igrexa guiados por Enrique Rodríguez Sotelo) e tamén á Ponte da Cigarrosa.

Fotos: Carlos G. Hevella/ Mónica G. Bellver.

Máis información  no seguinte enlace: https://osil.info/en-marcha-o-acto-sobre-o-camino-de-inverno-na-rua/

Artigos relacionados

Back to top button