CulturaCulturaÚltima hora

A xornalista Amelia G. Hervella lanza un reto para visibilizar o papel da muller nos medios de comunicación

O #RetoAnimosa2020 parte de InCrescendo Colectivo e pretende acadar, antes do 15 de febreiro, 20 novas subscritoras para o Periódico O Sil

A valdeorresa Laura Fernández, alma mater de InCrescendo Colectivo.

 

InCrescendo Colectivo é un proxecto local que nace en 2016 para promover a educación emocional, a inclusión e a igualdade en Valdeorras. A súa alma mater, Laura Fernández, deixou atrás as cabinas de interpretación da Unesco e os festivais de cine para poñer o foco nas persoas que, coma ela, apostan por un futuro na súa terra. Nesta empresa, conta coa colaboración da súa nai, Elvira Fernández -mestra infantil-, e a súa prima, Edurne Ortega -animadora sociocultural e antropóloga.

Inspirada na figura das mulleres que ían de aldea en aldea cunha máquina de coser, Laura defínese coma unha “costureira de soños” que, “coa súa caleidoscópica bagaxe, anima ás persoas a confeccionar unha mellor versión de si mesmas e, de paso, facerlle fronte ao despoboamento e a falta de oportunidades nesta comarca de interior”.

 

#RetoAnimosa2020.

 

Ante a adicción ás pantallas, InCrescendo Colectivo aposta pola “creatividade, o compromiso e o poder da palabra”, e precisamente a súa última iniciativa, o #RetoAnimosa2020, inspírase nas verbas de mulleres que fixeron historia, como as que falan desde as páxinas das axendas Animosa (https://bit.ly/3aZSY8c).

O obxectivo do reto é “dar voz, ao longo de todo o ano, ás mulleres valdeorresas que están a escribir a súa propia historia nalgún dos eidos que propón a axenda cada mes. A través do seu relato en primeira persoa, coñeceremos os desafíos que, coma mulleres, deben afrontar no seu sector pero a última palabra terana as mulleres, en función de se superan o reto ou non”, explica Laura. O que se pretende con este enfoque lúdico é “promover a igualdade a través dunha visión panorámica do papel das mulleres nun contexto rural e crear un lugar común que nos devolva a confianza en nós mesmas para afrontar desafíos individuais e colectivos”, di.

Así, o primeiro #RetoAnimosa2020 do ano chega da man da xornalista Amelia García Hervella, do Barco de Valdeorras. Coa súa inconfundible voz, a veterana presentadora da Radio Galega lamenta que “o teito de cristal siga impedindo o acceso das mulleres aos postos de responsabilidade dos medios de comunicación, malia ser maioría nas aulas e nas redaccións” e sentencia que “para ter máis responsabilidade non chega con ser mulleres, temos que ser heroínas”.

 

Portada da revista Entroido en Galicia 2019, do Periódico O Sil.

 

Tal como explican dende InCrescendo, coa intención de apoiar o xornalismo comprometido, Amelia rétanos a acadar, antes do 15 de febreiro, 20 novas subscritoras para o Periódico O Sil, cuxa redacción está composta integramente por mulleres e leva ao servizo da sociedade máis de dúas décadas, cunha recoñecida publicación mensual en papel (O Sil e O Sil Deportivo), a edición dixital (osil.info) e a edición anual de monográficos culturais e socioeconomicos, entre os que destaca a revista Entroido en Galicia (considerada unha das mellores de Galicie e norte de Portugal) que sae á rúa neste mes de febreiro.

Para conmemorar a nova década e reforzar a presenza de Valdeorras e a provincia de Ourense no mundo, as novas subscritoras beneficiaranse dun 20% de desconto sobre o prezo da subscrición anual, independentemente do seu lugar de residencia (https://osil.info/subscribete/). Subscrición anual con desconto: España, 32€ // Europa, 120€ // América, África e Oceanía, 152€).

Entrevista a Amelia G. Hervella (InCrescendo Colectivo): https://vimeo.com/388950944

Artigos relacionados

Back to top button