OurenseÚltima hora

A xornalista Victoria Prego, “Premio Ourensanía 2014”

A entrega do galardón, que concede a Deputación ourensá, terá lugar o 11 de novembro nun acto no Teatro Principal de Ourense
Reunión do xurado do "Premio Ourensanía 2014" en San Pedro de Rocas (Esgos).
Reunión do xurado do “Premio Ourensanía 2014” en San Pedro de Rocas (Esgos).

O xurado do Premio Ourensanía reuníase na mañá do 29 de outubro no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) para decidir o nome do galardoado desta edición. Por unanimidade acordábase distinguir á xornalista Victoria Prego, nacida en Madrid pero con raíces na provincia.

No seu fallo, o xurado resaltaba “as imprescindibles achegas que fixo nos ámbitos da comunicación e da política para entender a historia de España dende a Transición ata os nosos días”. Ademais, o xurado considera a Victoria Prego -sempre comprometida, de seu e polas súas raíces, con Ourense-, unha voz indiscutible que creou escola xornalística, opinión e sentido crítico, achegando criterio e prestixio na súa escrita, referendada polas máximas autoridades institucionais, historiadores e investigadores da España do último medio século”.

Á hora de tomar a decisión tamén se tivo en conta o feito de que neste ano 2014 cobra especial relevancia a figura de Victoria Prego por canto foi o ano do falecemento de Adolfo Suárez e o da sucesión da Coroa de España.

A entrega do Premio Ourensanía está prevista para o vindeiro 11 de novembro nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense, coincidindo co Día de San Martiño (patrón da Ourensanía), e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional, segundo se adianta dende a Deputación de Ourense. No transcurso do acto, o presidente da Deputación entregaralle a Victoria Prego unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, e o diploma acreditativo do galardón.

O xurado desta edición do Premio Ourensanía, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, e Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button