EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xunta asegura que as soltas de “Torymus” empezan a ser efectivas na loita contra a avespiña do castiñeiro

O seguemento das soltas indica, segundo Medio Rural, que o "parasito se está asentando nos soutos dos castiñeiros da nosa comunidade"

 

A solta de Torymus sinensis, un depredador natural da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus), comeza a amosar a súa efectividade nos soutos galegos. Así o asegura a Consellería do Medio Rural. No 2015 realizábase a primeira solta experimental autorizada de Torymus: un total de 1.500 individuos liberados. No ano 2016, a Consellería do Medio Rural realizaba unha nova solta, incrementado o número de inviduos ata chegar aos 66.500 individuos. No 2017 liberáronse 134.000 individuos e no 2018 un total de 705.000 individuos.

“Ante os resultados que se foron obtendo e, tendo en conta de que arestora é dos poucos métodos existentes para loitar contra esta doenza, no ano 2019 soltáronse un total de 1,6 millóns de individuos de Torymus para parasitar os ovos da avespiña, o que significa que a Consellería case duplicou o soltado ata o de agora. Así, o orzamento destinado a esta loita foi dun millón de euros no ano 2018 e de 2,1 millóns de euros no presente exercicio de 2019″, segundo destaca a Consellería do Medio Rural.

O resultado das soltas do individuo Torymus sinensis e o seu seguemento posterior que fai a Consellería do Medio Rural desde o ano 2015 confirma, segundo este departamento autonómico, que o “parasito se está asentando nos soutos dos castiñeiros da nosa comunidade e, polo tanto, considérase que empeza a ser efectiva esta medida para loitar contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro”.

No outono de cada ano, despois das soltas de Torymus, tómase en campo unha mostra de bugallas co fin de comprobar os resultados da parasitación. O proceso consiste en seleccionar unha serie de puntos onde se realizaron as soltas do parasito, que se localizan grazas ás coordenadas GPS que se tomaron na primavera no momento da liberación do Torymus sinensis.

En cada un dos puntos de mostraxe da solta do ano 2018, “colleitáronse un total de cinco bugallas que se levaron ao laboratorio para comprobar o seu grao de parasitación. Así, á vista dos datos obtidos nas análises destas bugallas realizadas dende o ano 2016 ao 2018, comprobouse que se detectou parasitación por Torymus sinensis nun total de 55 concellos de Galicia, o que implica que este individuo iniciou con éxito a colonización das bugallas”, tal e como indica Medio Rural.

“Hai que ter en conta”, matizan dende consellería, “que nestes datos non figuran as análises do ano 2019, que se realizarán este outono, unha vez recollidas a bugallas secas que apareceron na primavera. Ademais, cómpre sinalar que as soltas realizadas este ano chegaron ao 1,6 millóns de individuos de Torymus sinensis, aumentando o número en cada un dos puntos de solta, o que supón que a porcentaxe de parasitación seguiu aumentando e, polo tanto, asentaranse as poboacións do parasito. Neste senso, cómpre sinalar que o número total de puntos de mostraxe increméntase en función do número de puntos de solta de Torymus que se realizan en cada un dos anos de solta”.

Mellora xenética

Por outra banda, dende Medio Rural tamén se destaca que se está loitando contra a praga da avespiña a través da mellora xenética. Así, no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán “lograron confirmar, mediante ensaios controlados en laboratorio, que existen clons híbridos de castiñeiro que presentan maior resistencia á praga da avespiña. A identificación destes híbridos resistentes ou tolerantes é fundamental para a elección dos materiais xenéticos de reprodución en viveiro e tamén é aplicable ás novas plantacións”, segundo a consellería.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close