ConcellosÚltima hora

A Xunta asume a xestión da estrada provincial de acceso ao núcleo da Veiga

Dende o alto do Covelo, a OU-533 comunica o municipio valdeorrés con Viana do Bolo, O Bolo e A Rúa

Vía de acceso á Veiga. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto do cambio de titularidade a prol da Xunta da estrada provincial OU-0804, desde a súa conexión coa estrada autonómica OU-533 no Alto do Covelo ata o inicio do núcleo urbano do municipio ourensán da Veiga.

Coa transferencia, o Goberno galego asume a xestión deste eixe de comunicación que une, desde a OU-533, A Veiga con outras vilas da comarca, como Viana do Bolo, O Bolo ou A Rúa.

O Consello da Xunta aprobou na reunión celebrada o pasado 24 de setembro o intercambio de titularidade destas estradas, atendendo á proposta de cesión trasladada pola Deputación Provincial de Ourense, á petición do Concello da Veiga, da vía provincial de algo máis de 11,3 quilómetros de lonxitude, cuxo trazado descorre pola comarca de Valdeorras.

Os cambios de titularidade destas estradas serán efectivos mañá, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button