DeportesÚltima hora

A Xunta dá por retomada a actividade da pesca fluvial “sempre que se adopten todas as medidas de protección individual”

Así o acordaba o Centro de Coordinación Operativa na reunión celebrada na mañá deste martes 5 de maio

Pescador no río Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na reunión celebrada este martes 5 de maio polo Cecop (Centro de Coordinación Operativa) na que participa a Xunta, a Delegación de Goberno e a Fegamp) acordábase “dar por retomada a actividade da pesca fluvial, sempre que se adopten todas as medidas de protección individual e se respecten todos os parámetros para a realización da actividade física ao aire libre, sobre todo no relativo ás limitacións impostas acerca dos desprazamentos e lugares permitidos, os requisitos para evitar o contaxio e as franxas horarias permitidas”. A Xunta traslada esta decisión ao considerar que “a pesca fluvial está amparada na Orde de 1 de maio por ser unha actividade deportiva exercida individualmente e ao aire libre; e non unha actividade agraria, tal e como apuntaron dende o Goberno central”.

Esta decisión tomábana só un día despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladara ás sociedades de pesca deportiva a súa interpretación sobre os distintos documentos feitos públicos polo Goberno do Estado que “avalan a pesca fluvial como unha actividade deportiva ao aire libre e individual, polo que se podería permitir a súa realización dende o 2 de maio”.

Dende a Xunta indican que o Goberno central publicou a Orde SND/388/2020, de 3 de maio, na que “non se exclúe a práctica do deporte da pesca fluvial”, polo que se entende que “o Estado a través da orde está a permitir a práctica da pesca, tanto na súa versión de actividade deportiva non profesional ao aire libre (pesca fluvial ou recreativa), como da pesca federada”.

Artigos relacionados

Back to top button