EconomíaEconomíaÚltima hora

A xunta de goberno local de Ribadavia aproba o borrador dun plan para reactivar o tecido empresarial e comercial do municipio

Contempla a actuación en catro liñas estratéxicas: medidas de fomento da participación, axudas a través de subvencións, promoción do comercio local e definición dunha estratexia turística municipal en cooperación con entidades da comarca do Ribeiro

Praza do Concello de Ribadavia. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na xunta de goberno do Concello de Ribadavia vén de aprobar un documento inicial para a elaboración dun Plan de apoio e Dinamización do Tecido Empresarial e Comercial de Ribadavia. A intención do goberno municipal de Ribadavia é a de que este documento sexa un “aberto e participado, que recolla o maior número de achegas das diferentes partes implicadas nesta tarefa de reactivación da actividade económica, social e comercial do noso concello”, segundo o grupo de goberno local.

Nese senso, a súa intención é que, “unha vez aprobado este borrador en base aos traballos previos realizados polos técnicos municipais, vaise dar traslado do mesmo a os diferentes grupos políticos que compoñen o Pleno municipal, e aos Establecementos Asociados do Ribeiro, ademais de publicalo na web municipal para que, no prazo dunha semana, toda aquela persoa ou colectivo que o desexe poida realizar achegas, modificacións, consultas ou calquera outra apreciación que estimen oportuna para enriquecer o documento, de tal xeito que o resultado deste proceso sexa a elaboración dun documento final no que apareza reflexado un “Plan de Apoio e Dinamización do Tecido Empresarial e Comercial de Ribadavia” que conte co apoio unánime de todos os actores implicados nesta tarefa”, tal e como informa o alcalde de Ribadavia, César Fernández.

Este documento inicial de medidas contempla a actuación en catro liñas estratéxicas: medidas de fomento da participación, axudas a través de subvencións, promoción do comercio local e definición dunha estratexia turística municipal en cooperación con entidades da comarca do Ribeiro, tal e como adianta o rexedor. Sobre cada unha delas vanse establecendo unha serie de medidas de desenvolvemento.

“Cómpre poñer de manifesto que as medidas que se propoñen móvense dentro do ámbito competencial propio das entidades locais e para o seu desenvolvemento necesitan de dotación orzamentaria específica en moitos dos casos polo que, como traballo complementario á redacción deste plan, cómpre dotar de recursos ao mesmo, pola vía administrativamente máis acaída, en función da evolución da situación de execución orzamentaria do exercizo 2020, tendo presente que neste contexto de pandemia global e coas medidas aplicadas dende a administración central parece posible pensar que moitas das actividades programadas e orzamentadas no documento orzamentario vixente, non poderán realizarse, o que suporía poder contar con recursos económicos adicionais para a correcta dotación económica deste plan e o desenvolvemento das súas diferentes medidas”, aclara César Fernández.

O rexedor incide en que “queremos construír, de xeito complementario ás axudas que procedan doutras administracións, un contexto favorable para reactivar e potenciar o dinamismo do comercio local unha vez que remate o estado de alarma”

César Fernández indica que, “unha vez rematemos o proceso de elaboración do documento final que conte co máximo consenso, tocará definir a dispoñibilidade orzamentaria coa que contaremos, para o que se fai imprescindible que se aclaren as normas no que ten que ver coa celebaración de determinados eventos culturais e lúdicos ao longo deste ano 2020, xa que isto influirá decisivamente na cantidade de recursos que se poidan mobilizar para dotar ao plan de apoio ao tecido empresarial.”

Artigos relacionados

Back to top button