ConcellosQuirogaÚltima hora

A xunta de goberno municipal de Quiroga aproba o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible

O documento inclúe medidas de "redución de consumos enerxéticos e na substitución de enerxías fósiles por renovables, aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e transporte; e no tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos", segundo adianta o Concello

Rúa central da vila de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Antes do 2030 o Concello de Quiroga reducirá a emisión de gases de efecto invernadoiro nun 40%. Así o recolle o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible que vén de ser aprobado pola xunta de goberno municipal e que terá que ser ratificado pola corporación na vindeira sesión plenaria.

A corporación municipal decidiu unanimemente, no pasado mes de febreiro, unirse á iniciativa europea do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial de autoridades contra o cambio climático. Isto implica adoptar as medidas necesarias para reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

“Agora preséntase un plan de acción, elaborado coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que garanta os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático. Estas medidas, que consistirán na redución de consumos enerxéticos e na substitución de enerxías fósiles por renovables, aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e transporte; e no tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos”, tal e como se informa dende o Concello de Quiroga.

O Plan de acción para o Clima e a Enerxía Sostible de Quiroga, que implica a todos os departamentos municipais, ten dúas partes: o Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Plan de Adaptación ao Cambio Climático.

A primeira desas partes ten como obxectivo “a descarbonización do territorio municipal, reducindo as súas emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030. Co desenvolvemento deste plan o Concello de Quiroga tenta acadar a neutralidade climática para o ano 2050, obxectivo asumido pola Política Europea do Clima”, segundo a administración local.

A segunda parte do plan de acción refírese á adaptación ao cambio climático. O documento recolle unha serie de accións que no futuro farán ao municipio quirogués menos vulnerable aos riscos climáticos aos que é especialmente sensible nestes momentos.

“A maior parte da redución das emisións recaerá sobre o sector dos edificios e do transporte. Accións importantes no sector dos edificios son a renovación do alumeado e a iluminación exterior e a instalacións de biomasa nalgúns edificios municipais, no que xa se traballa dende o ano 2010; a concienciación dos empregados e usuarios dos servizos municipais para un uso responsable e eficiente da enerxía e a substitución dos contratos de subministración eléctrica pola compra de enerxía verde. No sector residencial o máis importante é o fomento e o impulso das enerxías renovables, para o que o esforzo dos veciños e do sector privado é fundamental”, adiantan dende o Concello de Quiroga.

No sector do transporte poñerase en marcha un Plan de Mobilidade Sostible, mellorarase o parque móbil municipal coa adquisición de vehículos híbridos e incidirase na implantación de recarga de vehículos eléctricos en puntos concretos do municipio.

Ademais, o desenrolo dun programa de composteiros comunitarios e individuais, suporá unha importante redución de emisións no ciclo de residuos; así como a incidencia no uso responsable da auga.

No Plan de Adaptación ao Cambio Climático contémplanse medidas fronte aos riscos aparellados ao cambio climático, como son as secas, as temperaturas extremas ou as chuvias torrenciais. Un plan de emerxencias municipais e a posta en marcha das accións do plan fronte ao risco de incendios forestais aprobado recentemente centrarán as medidas deste apartado.

Artigos relacionados

Back to top button