SanidadeÚltima hora

A Xunta de Persoal do Distrito do Barco pide un plan director que contemple as “necesidades reais” do hospital

Nunha reunión mantida esta mañá co conselleiro de Sanidade tamén lle comunicaba que "nesta situación de pandemia, a mellor ubicacion do PAC é no Centro de Saúde do Barco"

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No decurso da visita que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, realizaba esta mañá ao Hospital Público de Valdeorras mantiña unha reunión coa Xunta de Persoal do Distrito Sanitario do Barco. Neste encontro os representantes sindicais trasladábanlle a importancia de que se faga un plan director deste centro que “teña en conta todas as necesidades do HPV incluídas as de persoal. Un plan que aborde as necesidades reais do centro, e que non se pare en facer só pequenas, pero custosas reformas, que non preparan ao hospital para o futuro, e que teña uns investimentos programados e incluídos nos orzamentos da Comunidade que garantan a súa execución”, tal e como informaba o presidente da Xunta de Persol do hospital, Víctor Pariente.

Así mesmo, Pariente indica que se lle manifestu ao conselleiro que o “HPV leva anos esquecido por parte da Xunta xa que, despois de facer investimentos moi importantes tanto no Hospital de Ourense, como nos diferentes hospitais comarcais de Galicia, agora, e despois de anos de demanda por parte desta Xunta de Persoal de investimentos no HPV, e da importancia de ter un plan director que o achegue ao futuro da asistencia sanitaria, o que nos vén a anunciar o conselleiro é un lavado de cara das Consultas Externas. Lavado de cara que nin amplía nin mellora a situación destas. Ademais anuncia, unha vez máis, investimentos noutras zonas do hospital que non teñen ningunha data prevista de licitación e de comenzo de obras”.

A Xunta de Persoal do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras tamén lle manifestaba ao conselleiro de Sanidade o seu desacordo coa nova ubicacion do Punto de Atención Continuada (PAC) do Barco. “Seguimos a pensar que nesta situación de pandemia a mellor ubicacion do PAC é no Centro de Saúde do Barco, xa que conta con espazo suficiente para a súa instalación a un custo menor ao que se pretende coa nova reforma e coa suficiente calidade asistencial”.

Artigos relacionados

Back to top button