SanidadeÚltima hora

A xunta de persoal do HCV alerta da situación do hospital valdeorrés e anuncia a marcha dun internista

Entrada principal do Hospital Comarcal Valdeorras no Barco.

“O desmantelamento do Hospital Comarcal Valdeorras é unha realidade e, co que está pasando, pensamos que a poboación ten que empezar a manifestar o seu enfado e, cada vez que teña un problema de atención, que faga unha reclamación en Atención ao Paciente. Necesítase unha resposta xa da poboación”, así de rotundos se manifestaban os membros da xunta de persoal do hospital valdeorrés na rolda de prensa que convocaban no mediodía do 30 de outubro neste centro hospitalario do Barco.

Nela explicaban que “nestes días perdimos dermatoloxía, medicina preventiva e perdimos tamén un internista por precariedade na contratación. E ademais vemos que marcha o director do hospital do Barco, que hoxe despediuse oficialmente de todos nós e non temos conciencia de que vaia a vir ninguén”, aseguraban.

Referíanse ademais á recente publicación o 25 de outubro do “Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia” co que o HCV perde ” a Subdirección de Xestión, é dicir, o hospital está perdendo capacidades. Tamén se perde, por exemplo, o médico de admisións, destacan dende a xunta de persoal do Hospital Comarcal Valdeorras”, engadían dende a xunta de persoal.

E matizaban que se está a rexistrar unha perda de case un 30% de persoal no hospital en comparación co existente en momentos como o ano 2006 ou o 2010. “Tiñamos uroloxía e agora non a temos. Onte mesmo a espera para unha primeira consulta en uroloxía eran 7 meses e nese tempo unha persoa que poida ser enviada alí por calquera cuestión importante, pois cando chegue pode ser xa irremediable. Antes había cirurxáns suficientes e agora temos un cirurxán e temos outra cirurxán a media xornada, e levamos semanas sen ter cirurxía programada en condicións porque non hai cirurxáns.  En rehabilitación seguimos coa mesma situación, con rehabilitadores de Ourense. Antes tiñamos un preventivista e agora non o temos…”, concluían.

Artigos relacionados

Back to top button