SanidadeÚltima hora

A Xunta de Persoal do Hospital de Valdeorras anuncia mobilizacións ante a “situación crítica” deste centro

Asegura que se están "a dar os pasos pertinentes para convocar e organizar unha manifestación de protesta e reivindicación da recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía" esta zona

Exterior do Hospital Público de Valdeorras.

 

Dende a Xunta de Persoaldo Distrito de Valdeorras vén de emitirse un comunicado de prensa no que se informa do inicio dunha serie de mobilizacións, entre elas unha manifestación de protesta, dada a “situación crítica” na que se atopa o Hospital Público de Valdeorras, no Barco. “A totalidade dos grupos sindicais integrantes desta Xunta de Persoal, órgano lexítimo de representación sindical dos traballadores da sanidade pública do Distrito Sanitario de Valdeorras, e tras dúas asembleas cos traballadores realizadas os días 15 e 20 deste mes de setembro de 2021, vimos a comunicar que: tras analizar a situación crítica do HPV, consistente nunha dramática falta de profesionais e a desaparición ou a mingua cruel de servizos clínicos”.

A Xunta de Persoal alude ás “inaceptables listas de agarda con tempos absurdos de 14 meses de espera para consultas. A imposibilidade de asegurar a atención axeitada no noso centro ou a rapidez e seguridade dun traslado medicalizado entre hospitais para levar pacientes críticos a Ourense. O desleixo das dirección tanto da Xerencia da Área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, como das direccións e subdireccións do Distrito Sanitario, e a falta de respecto e consideración cara aos pacientes e profesionais”.

Ante isto os representantes sindicais aseguran que “vémonos na lamentable necesidade de informar que por decisión unánime dos traballadores/as e centrais sindicais presentes nas asembleas, estase a comezar a dar os pasos pertinentes para convocar e organizar unha manifestación de protesta e reivindicación da recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Publico de Valdeorras, e dos cadros de persoal da Atención Primaria, así como as melloras en estrutura dos centros e material de traballo”.

Así mesmo, a Xunta de Persoal informa de que “no tempo restante ate a realización da manifestación realizaranse actos para acadar a concienciación cidadá e o apoio político dos concellos do distrito”.

Artigos relacionados

Back to top button