En portadaÚltima hora

A Xunta de Persoal do HPV demanda “solucións de futuro para o hospital nun breve espazo de tempo”

De non ser así, adiantan que "retomaremos as mobilizacións ás que chamaremos a participar á cidadanía do distrito sanitario"

 

Case tres meses despois da celebración da manifestación en defensa do Hospital Público de Valdeorras (HPV), no Barco, a Xunta de Persoal deste centro sanitario vén de emitir unha nota de prensa para valorar de forma “moi negativa” a situación actual do mesmo. “As solucións aportadas non aclaran o futuro, mais ben parece que a ensombrecen un pouco máis. A Xunta de Persoal sempre manisfestou que o problema do HPV era e é estrutural , que non se pode ver como algo puntual e dun Servizo. É por esto que a solución que se deu a Traumatoloxía non é unha solución de futuro nin sequera fai que este Servizo funcione como tal, xa que non ten un cadro de persoal estable polo que o seguimento dos pacientes faise cando menos difícil”.

A Xunta de Persoal engade que, “dado que o problema é estrutural, hai Servizos nos que os cadros de persoal, como xa dixemos, están ou ben incompletos ou directamente non hai ninguén” e cita varios exemplos como  Medicina Interna, no que “veñen doutras Áreas a facer as gardas de presenza física. Os que veñen a facer ditas gardas, só fan eso, gardas, e non pasan visita aos ingresados, xa que a garda comeza as 15h, co cal eses fins de semana e festivos aos doentes non os visita ninguén, salvo como é lóxico as incidencias que se produzan na Planta. Os sábados restantes, na xornada ordinaria de mañá, pasamos de ter ata tres especialistas nesa quenda a só un. Estamos na mesma, xa que ao estar un só non da abasto para atender a todo. A todo isto hai que engadir que a Consulta de Coidados Paliativos esta pechada, co conseguinte prexuízo para os doentes de Oncoloxía, Hematoloxía e demais especialidades que demanda estes coidados”.

Tamén se refiren dende a Xunta de Persoal á situación de Rehabilitación, que “leva anos, concretamente tres, que hai rehabilitadores que veñen dende Ourense, cando veñen, que non é tódolos días, sendo un “concertado” do Hospital de La Reina de Ponferrada quen ve só os pacientes que ten citados, nin un máis nin un menos. As primeiras citas chegan a ter unha demora de dous anos, as segundas depende: si é para o “concertado” son tres meses e si é para os de Ourense ascende ata os seis meses. Aos doentes daselles, se o precisan, 10 sesións e unha vez rematadas teñen que agardar tres ou seis meses para saber se as mesmas foron efectivas, co cal o
traballo dos fisioterapeutas vese minguado e desperdiciadas as súas xornadas de traballo, ao non ter unha programación axeitada e continua. Esta mesma situación están a padecela os doentes ingresados, xa que se non os visitan os rehabilitadores, os fisioterapeutas non teñen ordes para dispensar o tratamento destes, o que fai que haxa doentes que marchan para os seus domicilios sen recibir nin visita nin, como é lóxico, tratamento rehabilitador”.

Con respecto á Hematoloxía, a Xunta de Persoal apunta que “este pasado cinco de febreiro, cesou á vontade propia, unhas das dúas hematólogas do HPV, quedando só unha. Este cese prodúcese porque non se lle oferta un contrato de longa duración” e que as especialidades “de Dermatoloxía, Uroloxía, Cardioloxía, Medicina Preventiva, Medicina do Traballo, Radioloxía, Pediatría, Anestesioloxía e Xinecoloxía, están sen ninguén, como é o caso dos cinco primeiros, ou co cadro de persoal en mínimos como ocorre nos demais”. Así mesmo, na súa nota de prensa, a Xunta de Persoal alude á situación da Atención Primaria do Distrito, que “segue a padecer a falta de profesionais, coa conseguinte sobrecarga dos que agora están traballando”.

Finalmente a Xunta de Pesoal do HPV “solucións de futuro nun breve prazo de tempo, porque lembremos que estas situacións veñense producindo dende tempo anterior á pandemia e que son froito dos sucesivos recortes en persoal e dotacións. De non ser así, retomaremos as mobilizacións ás que chamaremos a participar a tódolos/-as cidadáns/-as do noso Distrito”.

A resposta da Área Sanitaria ourensá

En resposta a esta nota de prensa, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco emitía un comunicado indicando que “os hospitais son organizacións vivas e complexas nas que as variacións do mercado laboral ou o número de especialistas formados pode influír na cobertura dunha ou outra especialidade, non sempre a mesma, xa que é algo puramente coxuntural. Querer convertir esta realidade ou á propia mobilidade laboral nunha falla de interese ou xestión é un error que por reiterativo non se convirte en verdade”.

Sobre as vacantes no Servizo de Medicina Interna, sinalan que “na actualidade con 7 profesionais, están a ser cubertas coa colaboración do resto do Servizo da Área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e a súa organización e melloras serán abordadas cos propios profesionais este mesmo venres”.

Tamén sinala a xerencia da Área Sanitaria ourensá que “as consultas sucesivas, non xeran lista de espera. De feito, o tempo que debe transcurrir entre a primeira e a sucesiva (de ser precisa) é algo que se determina a criterio facultativo, ou o que é o mesmo, no período que o médico establece, ou a patoloxía aconsella. Non existindo no Hospital Público de Valdeorras diferenzas en función do médico rehabilitador que atende ao paciente.

En canto no que respecta a Urxencias, “xa desde o pasado ano, ás 11 plazas de facultativo sumouse unha adicional, pasando a 12 unha vez se cubra a vacante dunha próxima xubilación. Cadro de persoal que se manterá”, segundo a xerencia da Área Sanitaria.

Artigos relacionados

Back to top button