En portadaSanidadeÚltima hora

A Xunta de Persoal do HPV: “Nunca este hospital estivo tan desastroso como está agora mesmo”

Numerosas persoas asistían á concentración en defensa dunha "sanidade digna" no Distrito de Valdeorras que se celebraba este mércores ás 12h. no exterior do hospital do Barco

 

Terceira concentración consecutiva no que vai de outubro en defensa do Hospital do Barco e dunha “sanidade digna” para as comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana. Numerosas persoas respondían á convocatoria deste mércores ás 12h. da Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Valdeorras que resaltaba que “nunca este hospital estivo tan desastroso como o está agora mesmo” e argumentaban esa afirmación. “¿Onde están os traumatólogos que faltan, os cirurxáns, onde vai dermatoloxía, rehabilitación, onde está medicina preventiva…? Que nos digan onde están porque, segundo a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, non faltan”, sinalaba Suso Vilasánchez, membro da Xunta de Persoal, mentres os asistentes pedían a demisión da dirección do distrito.

En referencia ás manifestación da Área Sanitaria ourensá de que no Distrito de Valdeorras “non hai recortes en servizos, persoal e orzamento” e nas que lembraba que no 2011 o hospital do Barco parou uns días por falta de anestesista, Vilasánchez respostaba que daquela “en dous días ou tres estaba resolto ese asunto e non houbo máis problemas. E isto leva con problemas crónicos dende que deixamos de ser área sanitaria e pasar a ser un distrito, dende que xa non hai decisión ningunha”.

Ademais insistía en convidar a debater sobre a situación do distrito ao xerente da área ourensá, Félix Rubial, así como ao conselleiro de Sanidade, Julio García. “Que veñan comparar cifras do hospital do 2010 e do 2021, a ver se as cifras son mellores ou peores agora que antes. Non é o mesmo o que se opera agora que o se operaba antes, non se parece en nada. É tal o desastre que vai uns días que non hai un traumatólogo no hospital e nin sequera avisan aos pacientes. O luns había unha chea de pacientes que viñan de diferentes sitios, pedíndolles aos fillos que os baixaron ou tendo que pedir taxis, e chegan aquí e non hai consultas. E iso pasa porque non hai ninguén que se encargue agora mesmo de admisión, mentres que antes había un médico que se ocupaba de seguir as listas, de controlar que non foran excesivamente longas e de avisar en caso de non haber consultas”.

 

 

 

Nese senso, outro dos membros da Xunta de Persoal, Víctor Pariente, apuntaba que “este é o exemplo máis claro da desatención máis peregrina que teñen cos cidadáns que vivimos e traballamos no conxunto das comarcas que compoñen o Distrito de Valdeorras” e que “as novidades que hai de Sanidade sempre son malas, levamos 11 anos manifestándonos polo mesmo, e conseguimos ir a peor. Se tiveran algo de dignidade e de recoñecemento ás xentes destas terras, deberían marchar para casa, empezando pola dirección de distrito, porque outros directores desta área marcharon porque non lles facían caso”.

Por outra banda, Suso Vilasánchez explicaba que a situación na que está este distrito “é algo máis difícil que o caso do Hospital de Verín, onde querían quitarlles algo que eles tiñan, pero nós estamos pedindo que nos devolvan o que xa non temos, co cal, non vos desanimedes, é un camiño máis longo que o de Verín, pero imos ganar igual que eles”.

Esta mobilización, á que asistían alcaldes e concelleiros de varios municipios de Valdeorras, concluía cunha chamada a participar nas seguintes concentracións (nos vindeiros mércores ás 12h. no exterior do hospital valdeorrés) e na manifestación prevista para o domingo 28 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button