ConcellosÚltima hora

A Xunta declarará BIC o abrigo rochoso coas pinturas esquemáticas de Casaio

Así o anunciaba a arqueóloga Beatriz Comendador nunhas xornadas en Santiago sobre arte esquemática no noroeste peninsular

Abrigo rochoso de Pala de Cabras en Casaio (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste 18 de febreiro desenvolvíase en Santiago a xornada “Paisaxes tatuadas: a arte esquemática pintada no noroeste peninsular á luz dos novos achados”, coordinada por Beatriz Comendador, arqueóloga e investigadora da Facultade de Historia do Campus de Ourense, xunto a Lara Bacelar, investigadora do Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coímbra.

No decurso desta sesión, celebrada no Consello da Cultura Galega, Comendador anunciaba que a Xunta de Galicia ten previsto incoar o expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) dos catro abrigos rochosos con arte esquemática pintada localizados nos últimos anos en Galicia, entres os que está Pala de Cabras en Casaio (Carballeda de Valdeorras) .

Os outros tres sitios prehistóricos son A Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), A cerca das Laxes das Chás (Oimbra/Monterrei, Ourense) e Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense). Os catro xacementos constitúen as primeiras evidencias de arte esquemática pintada descubertas en Galicia.

“Necesitamos o nivel máximo de protección para estes lugares”, resaltaba Comendador, que comezaba a súa exposición falando da tradición da pintura esquemática para centrarse deseguido na descuberta desta arte no territorio galego e ademais afondar nos casos de A Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), A cerca das Laxes das Chás (Oimbra/Monterrei, Ourense) e Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense).

Finalmente, interviñan Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC) e Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/Universidade de Santiago de Compostela) que abordaban o achádego e singularidade da pintura rupestre de Pala de Cabras en Casaio.

 

Artigos relacionados

Back to top button