OurenseÚltima hora

A Xunta destina 3 millóns de euros a financiar obras de conservación e mellora da seguridade e accesibilidade en vivendas

O delegado territorial, Gabriel Alén, supervisou as actuacións nun edificio de vivendas no concello do Carballiño

 

Na xornada deste martes 23 de marzo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegábase ata O Carballiño para reunirse co seu alcalde, Francisco José Fumega, e repasar os temas máis importante que afectan á administración autonómica, así como visitar un inmoble, sito na céntrica rúa Julio Rodríguez Soto onde se desenvolveron actuacións de mellora de accesibilidade. Deste xeito, ao abeiro deste programa de mellora da eficacia enerxética e sustentación de vivendas e de fomento da conservación, do afianzamento da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, realizáronse actuacións que permitiron a instalación dun ascensor no edificio ao que se destinou un orzamento protexido de 42.625,75 euros.

No Carballiño, Gabriel Alén informou da convocatoria de axudas do programa para actuacións de rehabilitación de eficiencia enerxética en edificios existentes, xa aberta e cun prazo ata o 31 de xullo para presentar as solicitudes. Á actual convocatoria se destinan 8,5 millóns de euros.

Os beneficiarios, só poderán presentar as súas solicitudes por medios telemáticos, son os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios, que poderán acoller as incentivos para subvencionar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación.

 

O alcalde do Carballiño Francisco Fumega e o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén.

 

Respecto ás actuacións subvencionables, puxo como exemplo a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas e equipamentos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación.

A contía subvencionable, contará cunha axuda base e unha adicional, que se determinará en función de tres criterios, como o social (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles situados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).

As axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin, sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de fondos europeos.

Artigos relacionados

Back to top button