ConcellosÚltima hora

A Xunta destinará axudas de 500 euros ao mes a familias con nenos de ata 12 anos

Estarán vixente mentres estean pechados os centros, podéndose aplicar con efectos retroactivos desde a declaración da emerxencia sanitaria

 

As familias con nenos de ata 12 anos contarán cunha axuda de 500 euros ao mes e estará vixente mentres estean pechados os centros, podéndose aplicar con efectos retroactivos desde a declaración da emerxencia sanitaria. Así o anunciaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste venres, que abordaba un paquete extraordinario de medidas de conciliación para, cun investimento de 40 millóns de euros, atender ás necesidades que rexorden coa desescalada.

Feijóo explicou que se trata dun Bono coidado extraordinario para a infancia, para que aquelas familias nas que os proxenitores traballan poidan conciliar; dun Bono coidado extraordinario para aqueles maiores e dependentes que acudían a centros de día; da reactivación dos campamentos de verán a partir de mediados de xullo; e dunha orde de axudas para escolas infantís e centros de día, co obxectivo de facer fronte aos seus custes fixos durante a suspensión da actividade.

Subliñou que este paquete de medidas coincide coa decisión de que “as escolas infantís, os centros de día e ocupacionais da Comunidade non retomen a súa actividade ata o curso que vén”, dada a imposibilidade de garantir a distancia física necesaria.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que este paquete extraordinario conta con catro grupos de beneficiarios: as familias con nenos de ata 12 anos; os rapaces de entre 8 e 18 anos; as persoas maiores ou con discapacidade que eran usuarias dun centro de día ou ocupacional; e as empresas que xestionan escolas infantís, espazos infantís, ludotecas e centros de día privados.

Familias con nenos de ata 12 anos

Así, para as familias con nenos de ata 12 anos, Feijóo subliñou que o Bono coidado extraordinario para a infancia, dotado cun investimento total de 18 millóns, contará cunha axuda de 500 euros ao mes e estará vixente mentres estean pechados os centros, podéndose aplicar con efectos retroactivos desde a declaración da emerxencia sanitaria, o pasado 13 de marzo.

As condicións son que os proxenitores traballen fóra da casa, que os ingresos da familia non superen os 806 euros netos ao mes por membro e que os servizos de atención a domicilio se contratasen despois de declaración de emerxencia sanitaria.

Reactivación dos campamentos de verán

O presidente da Xunta avanzou tamén a reactivación dos campamentos de verán. “Entendemos que a mediados de xullo poderemos abrir eses albergues cunha serie de medidas e protocolos para intentar tamén a conciliación durante as vacacións a esas familias que teñan fillos de entre 8 e 18 anos“, explicou.

Atención a dependentes

Para ás persoas maiores e con discapacidade que acudían a un centro de día ou ocupacional, Feijóo resaltou a posta á súa disposición dun Bono coidado extraordinario para a dependencia, cun investimento de 11 millóns de euros e dotado igualmente con 500 euros ao mes, para cubrir a atención que se contratase desde a declaración da emerxencia sanitaria ata que reabran os centros.

Así mesmo, e para aquelas persoas dependentes que necesiten de atención terapéutica, o titular da Xunta destacou a creación dunha liña de axudas específica dotada con 1 millón de euros, co obxectivo de colaborar no pagamento de sesións de terapias de estimulación e rehabilitación.

En relación ás empresas que atendían a todas estas familias no ámbito da infancia e das persoas maiores, Feijóo subliñou que as escolas infantís privadas poderán contar cunha liña de axudas extraordinaria cun orzamento de 6 millóns de euros, vinculada a que se acollesen á gratuidade para segundos fillos e sucesivos. Ademais, os centros de día privados accederán a unha orde de axudas para facer fronte aos seus custes fixos durante a suspensión da actividade, cunha achega de 4 millóns de euros.

O presidente da Xunta dixo que se trata “dun paquete extraordinario ante unha situación extraordinaria para unha conciliación familiar nun momento de extraordinaria dificultade” e será trasladado á Mesa de Diálogo Social para a súa análise e aprobación definitiva.

Artigos relacionados

Back to top button