CarballedaConcellosÚltima hora

A Xunta e o Concello de Carballeda de Valdeorras colaborarán na mobilización de terras

Tamén se falaba dos montes veciñais e o conselleiro e o delegado lembrábanlle á súa alcaldesa as oportunidades que ofrecen as novas axudas para fomentar a súa boa gobernanza

Imaxe da reunión entre a alcaldesa de Carballeda, o conselleiro de Medio Rural e o delegado da Xunta en Ourense.

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo unha reunión de traballo no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González Quintela.

Durante o encontro planificouse unha próxima visita do conselleiro a este municipio valdeorrés, con vistas a avaliar un proxecto de mobilización de terras en terreos propiedade do Concello. Trataríase de poñelos en valor mediante a plantación de castiñeiro ou oliveiras, valorando tamén a posibilidade de recuperar, ao tempo, patrimonio cultural situado nestas parcelas, próximas ao Camiño de Inverno.

No encontro, a rexedora amosou tamén a súa disposición a colaborar coa Consellería para ofertar e divulgar entre os posibles beneficiarios a nova liña de axudas convocadas pola Xunta para fomentar a boa gobernanza e a profesionalización dos montes veciñais en man común. Unhas oportunidades que lle foron trasladadas polo conselleiro e o delegado territorial á alcaldesa.

Trátase dunhas subvencións que se veñen de convocar no DOG e que para o conxunto de Galicia teñen un orzamento total de 1,5 millóns de euros. Están orientadas a profesionalizar a xestión das comunidades de montes veciñais en man común, apoiando os traballos administrativos e técnicos para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén servirán para sufragar a certificación forestal destes montes, financiar a revisión dos esbozos que recollen os seus límites ou para apoiar todo o relacionado cos deslindamentos parciais, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades.

Artigos relacionados

Back to top button