OurenseÚltima hora

A Xunta entrega material de prevención de incendios a veciños de Lobios

A finalidade desta medida é fomentar a participación cidadá nas tarefas de xestión da biomasa para anticiparse aos lumes, segundo sinalaba o conselleiro do Medio Rural

 

Ata Lobios desprazábase neste venres o conselleiro do Medio Rural, José González. Acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, participaba nun acto de entrega de diverso material de prevención de incendios aos integrantes da Asociación medioambiental Xuresianos/Geresianos “Axuge” desta localidade ourensá.

Esta cesión enmárcase no establecido pola normativa vixente e no desenvolvemento do Plan preventivo 2021 implementado pola consellería. En concreto, distribuíronse a este colectivo media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas, concibidos todos eles especificamente para a prevención dos lumes.

O conselleiro reiterou neste acto que “a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos”, que atinxe tanto ás administracións públicas como aos cidadáns en xeral. Así, cualificou como “un concepto clave nesta materia” a responsabilidade “para cumprir as normas e tamén para alertar dos lumes que se produzan e denunciar os seus causantes”. Nesta liña, trasladou que se trata de protexer as persoas e os bens e que por iso a Xunta quere fomentar a participación cidadá, con accións como esta entrega de material, que supón un investimento, por parte da Consellería, de preto de 6.000 euros.

 

 

Trátase, segundo explicou González, dunha iniciativa “experimental e pioneira”, que o Goberno galego quere ampliar ata chegar a uns 25 proxectos semellantes en toda a comunidade, cun orzamento total de 150.000 euros. Estes fondos, indicou o conselleiro, farán posible a realización de accións formativas dirixidas á poboación en ámbitos como a vixilancia, a prevención ou a auto protección fronte o lume.

 

Artigos relacionados

Back to top button