A MezquitaConcellosÚltima hora

A Xunta entrega un vehículo adaptado á Asociación Os Tres Reinos (A Mezquita)

O obxectivo principal deste proxecto é mellorar a accesibilidade aos servizos, programas e proxectos para os maiores que viven en zonas despoboadas

Acto de entrega do vehículo.

 

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaba a Asociación Cultural Os Tres Reinos para facer a entrega dun vehículo adaptado financiado pola Xunta de Galicia para o traslado das persoas maiores. Este investimento, que rozou os 20.000 euros e que permitirá á entidade facilitar o transporte dos seus usuarios desde e ata a o centro, onde se celebran distintas actividades, beneficiará a 55 veciños e veciñas do concello.

O vehículo desprazarase polos diferentes lugares do concello da Mezquita (Ourense) para recoller os usuarios e poder garantir o acceso, o benestar e a igualdade dos veciños, de tal forma que as persoas que teñen dificultade para acceder aos servizos, programas e proxectos levados a cabo por esta entidade, podan permitirse participar e formar parte deles.

“Entre os obxectivos do proxecto atópanse erradicar o sentimento de soidade das persoas usuarias, fomentar a máxima participación e mellorar a accesibilidade da poboación as actividades, así como loitar pola igualdade de oportunidades ou desenvolver novos servizos de acompañamento, seguimento e apoio nas actividades da vida diaria. Neste senso, a entidade propón que este vehículo poda servir tamén para acompañar aos maiores aos centros sanitarios ou facer un seguimento deste colectivo, entre outros fins”, segundo indica a administración autonómica.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor o labor e o esforzo levado a cabo por estas entidades que, a pesar das dificultades derivadas da pandemia, continuaron apostando por novas iniciativas co fin de facilitar a vida dos usuarios e traballar polo seu benestar.

Artigos relacionados

Back to top button